No mes de maio do pasado ano agromaron por todo o país procesos municipalistas de confluencia e unidade popular. Estas mareas, desde o protagonismo da cidadanía, están a tentar mudar os modos de facer política nas institucións locais, abríndoas á máis ampla participación e procurando pór en marcha políticas que defendan o común: os dereitos básicos, unha vida digna para todos e para todas, unha economía máis xusta e solidaria, o espazo público, o coñecemento e a cultura colectiva.

Porén, e dado o momento histórico que nos toca vivir, non podemos nin queremos quedar mudas ante unha realidade no noso país que supón unha ameaza para estes obxectivos que nos demos colectivamente. Por iso hai meses decidimos traballar en común para apoiar un proceso de confluencia capaz de gañar o goberno da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas e poñer esta institución ao servizo da xente.

Un proxecto baseado nuns principios básicos que nos unen:

Principios Básicos

0. Garantía efectiva dos dereitos humanos

1. Radicalidade democrática

2. Transparencia e loita contra a corrupción

3. Feminización da política e loita contra calquera tipo de discriminación

4. Defensa dun modelo económico xusto que garanta os dereitos sociais e laborais

5. Defensa da lingua e cultura galega e do noso patrimonio

6. Protección do ambiente e o benestar animal

7. Defensa do común

8. Máis autogoberno e mellor vertebración territorial