descarga (2)

*  Óscar Lomba

Fonte: Web de Óscar Lomba

Comezar polo principio implica explicar, de xeito moi resumido, que Marea de Vigo xorde como unha ferramenta de confluencia e representación política, tralo lanzamento dun manifesto. Lembro que a marca Marea de Vigo foi acuñada nunha asemblea de Anova – Irmandade Nacionalista na que eu estaba presente. Presentouse ás eleccións municipais do 25 de maio de 2015. Rubén Pérez, membro de Esquerda Unida, foi o candidato elixido como cabeza de lista, sen concorrencia competitiva, nun proceso no que desde as cúpulas dos partidos, Esquerda Unida e Anova, deron indicacións explícitas, por medio dun correo electrónico, das persoas a quen debían votar a militancia e asinantes do manifesto. A devandita candidatura estaba apoiada por Esquerda Unida e Anova, mais non por Podemos ou Equo. Naquel proceso electoral de 2015 conseguiron tres concelleiros.

Marea de Vigo sempre afirmou ser unha organización inspirada no movemento 15M. Naquela altura semellaba que pretendían representar a determinados sectores da suposta «esquerda alternativa» e intentaban proxectar institucionalmente aquel ímpeto e enerxía critica de contestación e impugnación da política tradicional. Porén seguen a ser viño vello nun odre novo. Vella política disfrazada de nova.

Creo que Marea de Vigo debe reformular moitas cousas. Aínda resoan nos meus oídos as verbas dunha das candidatas no ultimo mitin da formación. “Marea de Vigo defende a radicalidade democrática” dixo. Dicir iso cando Marea de Vigo nin sequera celebrou primarias e os postos da candidatura foron decididos caprichosamente polas cúpulas dos partidos que compoñen esa confluencia é unha mostra máis de que Marea de Vigo ten importantes eivas democráticas. E iso malia que as candidaturas municipalistas fixeron da democracia e a participación insignia das súas políticas e peza chave do seu proxecto de renovación democrática.

Agora toca reformular o proxecto. Porén esa reformulación non pode basearse en modificacións cosméticas que terminen deixando as cousas como están. Os futuros procesos de confluencia deben:

* Establecer mecanismos efectivos e mancomunados de selección das candidatas e candidatos a cargos de representación orgánicos e institucionais en procesos democráticos competitivos e con todas as garantías.

* Reformular o propio espazo e a súa estratexia de oposición a Abel Caballero, mais tamén redefinir a súa relación coa sociedade viguesa e cos movementos sociais.

Finalmente estimo que Rubén Pérez debería presentar a súa dimisión ou ben supeditar a súa continuidade, á fronte de Marea de Vigo, á celebración dun referendo presencial con votación en urna no que poida participar o conxunto da militancia e asinantes do manifesto Marea de Vigo.

Os nosos políticos teñen aversión ao verbo dimitir. Eu diría que non saben conxugalo. Fago está reflexión poucos días despois de coñecer a dimisión do líder de Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, a quen lle honra asumir a súa responsabilidade polo fracaso estrepitoso de Marea Atlántica, aínda que pouca culpa teña diso. En moitas ocasións dá a sensación de que a maior parte dos políticos permanecen no cargo porque pensan que algún día poderían chegar tempos mellores. Ninguén asume o custo do fracaso da súa xestión. Ningún dirixente debería esquecer que a democracia ten unha forte compoñente ética e ten que basearse na virtude e nun sistema de valores sociais e morais que enchan de honestidade e decencia o exercicio do poder.

Óscar Lomba Álvarez  (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo gallego, Tempos Novos, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. A súa web persoal é:  ÓSCAR LOMBA