Buscar

aforzadaxenteblog

Podemos intégrase na Marea de Vigo e ocupa o terceiro posto.

Xaquín Pastoriza y Óscar Lomba, precandidatos

FONTE: La Voz de Galicia

Podemos intégrase na Marea de Vigo e ocupa o terceiro posto  Un dos seus candidatos renuncia por discrepancias internas

Podemos corrixirá nas próximas eleccións municipais a decisión que lles deixou fóra das institucións de Vigo nos comicios locais do 2015. Entón os seus afiliados obviaron a votación interna na que se sometía a consulta o participar ou non nas eleccións locais, e non chegou á metade do seu censo de militantes os que deron a súa opinión respecto diso nun claro sinal de que non lles interesaba dita cita electoral.

Agora, cunha menor exposición externa, o partido morado anuncia a súa decisión de formar parte da candidatura de Marea de Vigo, e faino dando a coñecer directamente os postos que ocuparán os seus afiliados na candidatura que a coalición presentará aos comicios do 28 de maio.

Só se presentou unha única candidatura ao escrutinio dos inscritos en Marea de Vigo, a que encabezará por segunda vez Rubén Pérez. O coordinador de Esquerda Unida en Vigo abre así a lista que fai catro anos conseguiu tres concelleiros dos 27 que compoñen a corporación viguesa. Ningún dos seus dous compañeiros de mandato repetirá nesta ocasión, sendo o segundo posto asignado a Oriana Méndez Fuentes (de Anova) e o terceiro a Podemos, co seu líder na cidade, Xaquín Pastoriza, quen non podía ser situado no segundo lugar pola obrigación de confeccionar as listas entrelazando candidatos de diferente xénero.

A mesma distribución entre os tres partidos terán os seguintes tres postos. Estela Miller Fernández, de EU, será a cuarta na lista da Marea; Ramón Lareu Riveiro (Anova), o quinto, e Iria Sotelo Fernández (Podemos), o sexto.

Renuncia instantánea

Óscar Lomba, o segundo aspirante de Podemos máis votado nas primarias do seu partido, renunciou onte a ser incluído na lista final, indicando nas súas redes sociais que por «motivos alleos á miña vontade debo renunciar a ocupar ou posto dá lista que as inscritas e inscritos de Podemos Vigo tingan decidido que debía ocupar». Lomba engade que o seu paso atrás foi comunicado para «facilitar a negociación de Podemos Vigo co resto de actores (EU, Anova, Equo…)», dado que diversas fontes apuntan a que Lomba, que xa militou en Anova, recibiu o reparo desta formación nacionalista e tamén de EU.

Un representante de Equo, Néstor Vázquez Mariño, ocupará o sétimo posto na candidatura das municipais. María Isabel González Muñoz, da Marea Feminista de Vigo e vinculada a Podemos, será a oitava; Guillermo Crego Rodríguez, de EU, o noveno; Ana Ardid de Cabo, de Anova, o décimo, e Óscar González Álvarez, un dos inscritos máis veteranos de Podemos Vigo, o undécimo.

Os postos restantes ata o 27 serán elixidos polo plenario de Marea de Vigo, como quedou establecido no protocolo de primarias da plataforma, que fai catro obtivo 16.227 votos, o 11,5 % dos emitidos en todo o municipio.

Anuncios

DEMOCRACIA E PARTICIPACIÓN

untitled (18)

Óscar Lomba: “Aproveito este espazo para reiterar o meu agradecemento á militancia. Grazas aos 204 inscritos e inscritas que apoiaron a miña candidatura nas primarias de PODEMOS e de paso informo que por motivos alleos á miña vontade debo renunciar a ocupar o posto da lista que as mencionadas inscritas e inscritos de PODEMOS Vigo tiñan decidido que debía ocupar. O consenso de vontades das diferentes organizacións que conforman Marea de Vigo conduciu a este desenlace e a miña decisión foi renunciar a estar entre os 11 primeiros postos da lista, para facilitar a negociación de PODEMOS Vigo co resto de actores (Esquerda Unida, Anova, Equo…).

Grazas a toda a militancia e inscrit@s de PODEMOS en Vigo que destes o voso apoio a miña candidatura nas primarias municipais!

Volveremos a vernos en vindeiros procesos e prometo non ceder no futuro ás presións alleas á vontade da nosa militancia!

 

URNA_SUGERENCIAS_CIERRE_METACRILATO

DEMOCRACIA E PARTICIPACIÓN

Óscar LOMBA ÁLVAREZ

Moitos partidos políticos en Galicia convertéronse en verdadeiras organizacións oligárquicas, onde se adoptan decisións de xeito excluínte, con liturxias cesaristas, sen ter en conta a opinión da militancia e onde esta só é consultada para lexitimar políticas e resolucións xa tomadas en círculos pequenos. Nestes partidos, as elites controlan de xeito férreo o poder, non facilitan a participación de todos os grupos nas definicións programáticas ou na elección das candidatas e candidatos e as bases militantes carecen de mecanismos para premiar ou castigar aos seus líderes se estes non cumpren coas súas promesas electorais, os seus programas de goberno ou os seus compromisos internos. Eses partidos caracterízanse por ter baixos niveis de democracia interna, malia repetir incansablemente a súa vocación democrática.

A presenza de partidos con desenvolvementos organizativos e procesos de decisión colectiva pouco participativos non impediu a normalización de sistemas oligárquicos en Galicia e no conxunto de territorios do Estado español. Tralos procesos de renovación e suposta rexeneración democrática derivados da irrupción do movemento indignado e o 15M, a maioría dos partidos preocupáronse por renovar o discurso e democratizar as practicas internas para poder competir na area electoral e maximizar os seus beneficios nas urnas. Porén finalmente terminaron descoidando novamente a transparencia dos seus procedementos, a opinión da súa militancia e a inclusión dos diversos subgrupos nos seus procesos internos. A crenza máis común supoño que debe ser que a democracia interna non aumenta as posibilidades de éxito nas eleccións. Para gañar eleccións necesítanse altos niveis de disciplina e cohesión interna, mostrar un partido unido e homoxéneo perante o electorado, o cal vai a contramán do pluralismo e a posibilidade de disidencia, requisitos fundamentais para a democratización dos partidos.

O crecente descrédito dos partidos políticos perante a opinión pública e as erráticas xestións de moitos deles en contextos de crises económicas profundas, levaron a algúns a crer que a reforma dos partidos e a súa democratización interna son centrais para asegurar a vitalidade da democracia e a gobernabilidade nos municipios, nas cidades, vilas e aldeas. Sen partidos transparentes, incluíntes e responsables ante os seus membros (e ante a sociedade), a distancia entre organizacións partidistas e cidadáns increméntase. Por iso, un reto indispensable para mellorar o rendemento dos sistemas democráticos está en mellorar o funcionamento interno dos partidos e o seu xeito de vincularse coas institucións e coa cidadanía.

Por iso decidín un día entrar en PODEMOS GALICIA e apoiar decididamente os proxectos cidadáns de base e as candidaturas de unidade popular porque estaba convencido de que a cidadanía organizada necesitaban gañar eleccións para sobrevivir e, para iso, era necesario enfrontarse ao desafío da democracia interna e o respecto ás formas. Cada vez é máis importante “o que se fai” e, fundamentalmente, “como se fai”. É certo que algúns dos retos aos que se enfrontan na actualidade os partidos de masas e as organizacións populares teñen moito de normativo e voluntarista.

A democracia interna preséntase como unha panacea difícil de alcanzar. Aínda así, o sistema democrático necesita de partidos áxiles, participativos e transparentes; que xeren confianza e eficientes na representación das demandas da cidadanía e efectivos na xestión de goberno. Calquera esforzo orientado cara a súa democratización é pouco, aínda cando non se saiba moi ben que é o que se pode atopar ao final do camiño. Partidos excesivamente democráticos poden resultar ingobernables pero partidos non democráticos estragan a confianza da cidadanía cara a eles e a calidade do propio sistema democrático.

Unha das principais dificultades ao tratar o tema da democracia interna ten que ver coa súa definición. Que é a democracia interna? De momento non hai un único xeito de definila, tendo en conta que depende do enfoque no cal cada un se sitúe. Adoita asociarse ao que debería ser un “bo partido” e toma diferentes facianas segundo sexa a definición de democracia que un defenda. Aínda así, hai un mínimo. A “democracia interna” nun partido supón a adopción dos principios deste sistema político no interior da organización. Desde unha perspectiva pluralista iso significa a inclusión do criterio de competencia, adopción de valores democráticos tales como a liberdade de expresión e a liberdade de elección para os seus membros e, xa que logo, utilizar mecanismos competitivos no proceso de toma de decisións, a participación da afiliación na formación da vontade partidista e a existencia de canles que permitan o exercicio efectivo do control político.

Creo que MAREA DE VIGO debería esforzarse por cumprir unha serie de requisitos:

* Garantir a igualdade entre as afiliadas/os e a protección dos dereitos fundamentais no exercicio da súa liberdade de expresión e opinión;

* Establecer mecanismos efectivos de selección das candidatas e candidatos a cargos de representación orgánicos e institucionais en procesos democráticos competitivos e con todas as garantías.

* Participación dos afiliados nos órganos de goberno, sen discriminación ningunha na representación dos diversos grupos que integran a organización

* Xerar unha activa influencia das diversas persoas e grupos na discusión e conformación das posicións programáticas e elaboración das propostas da Marea de Vigo e nas decisións comúns que esta tome;

* Respecto do principio de maioría, que faga que as decisións sexan tomadas en función da agregación maioritaria das vontades individuais e garantías para as minorías;

* E control efectivo por parte da militancia dos dirixentes, a través de procesos que castiguen ou premien aos que toman determinadas decisións.

PODEMOS VIGO creo que aprendeu a facer ben as cousas e por iso teñen o meu apoio e o meu voto. Espero que a súa influencia en Marea de Vigo axude a conformar un movemento de masas que artelle unha verdadeira alternativa transformadora en Vigo.

Aproveito este espazo para reiterar o meu agradecemento á militancia. Grazas aos 204 inscritos e inscritas que apoiaron a miña candidatura nas primarias de PODEMOS e de paso informo que por motivos alleos á miña vontade debo renunciar a ocupar o posto da lista que as mencionadas inscritas e inscritos de PODEMOS Vigo tiñan decidido que debía ocupar. O consenso de vontades das diferentes organizacións que conforman Marea de Vigo conduciu a este desenlace e a miña decisión foi renunciar a estar entre os 11 primeiros postos da lista, para facilitar a negociación de PODEMOS Vigo co resto de actores (Esquerda Unida, Anova Equo…).

Grazas a toda a militancia e inscrit@s de PODEMOS en Vigo que destes o voso apoio a miña candidatura nas primarias municipais!

Volveremos a vernos en vindeiros procesos e prometo non ceder no futuro ás presións alleas á vontade da nosa militancia!

 

Óscar Lomba Álvarez  (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo gallego, Tempos Novos, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. A súa web persoal é:  ÓSCAR LOMBA

Resultado de imagen de FOTOS DEMOCRACIA Y PARTICIPACIÓN

Carmela Silva e a cornucopia

La_Cornucopia

*   Óscar Lomba Álvarez

O Corno da Abundancia ou Cornucopia aparece en mans de cantas figuras alegorizan nocións tales como riqueza, prosperidade, bos augurios ou opulencia. Está xeralmente asociado á deusa Fortuna e na mitoloxía grega faise referencia a Amaltea, quen aleitou a Zeus con leite de cabra. En agradecemento este agasallouna cun dos cornos que tiña o poder de conceder desexos ao seu dono, converténdose en símbolo de abundancia ou prosperidade.

E vén a conto este breve pincelada de mitoloxía porque algúns políticos de Vigo tamén deben considerar que dispoñen de facultades divinas e capacidade para favorecer caprichosamente a quen desexen. E aínda que Vanesa Falque non é Amaltea, nin Carmela Silva é Zeus, nin Gutiérrez Orue é a Cornucopia, si debe haber moitos vigueses humildes que deben sentirse abandonados nun inframundo de tebras e néboa.

Recentemente tiven coñecemento de que a sección quinta da Audiencia de Pontevedra condenou a cinco anos e tres meses de cárcere ao funcionario xefe de área do Concello de Vigo, Francisco Javier Gutiérrez Orue, por promover a adxudicación irregular de varios contratos á concesionaria municipal Imesapi para pagarlle un salario a Vanesa Falque, cuñada de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. O tribunal considerou acreditado a comisión dun delito continuado prevaricación, así como malversación de caudais públicos e falsidade documental por parte do funcionario ao que ademais condena a nove anos de inhabilitación absoluta para exercer cargo público.

O nepotismo segue sendo un mal moi presente na nosa institución municipal e algúns funcionarios parecen dar preferencia, na concesión de empregos e favores, a familiares ou amigos de xente poderosa, sen importar o mérito para ocupar o cargo, senón simplemente o súa lealdade a determinados políticos cunha relaxada ética.

Non existe unha cornucopia que faga realidade todos os nosos desexos, pero semella que hai algúns privilexiados que teñen padriños que lles axudan a conseguir sen dificultade ningunha o que outros debemos alcanzar con gran esforzo e sacrificio.

Óscar Lomba Álvarez  (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo gallego, Tempos Novos, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. A súa web persoal é:  ÓSCAR LOMBA

DEMOCRACIA MUNICIPALISTA

 *         Óscar Lomba 

A democracia comeza na aldea, na vila e na cidade. A política local, as institucións próximas, as candidaturas directamente formadas e controladas pola cidadanía son hoxe algúns dos elementos que deron nome ao «municipalismo alternativo» ou ás «candidaturas de unidade popular». En Galicia multiplícanse as experiencias de pequenas agrupacións de veciños e veciñas que simplemente queren «cambiar as cousas» e que para iso comezan polo que lles resulta máis próximo. Trátase de proxectos políticos de goberno pero que renuncian ao «partido», á gran organización estruturada por unha determinada ideoloxía e sometida a unha disciplina piramidal. A primavera de 2015 trouxo un cambio no panorama municipal galego. Foi a irrupción das mareas e demais movemento municipalistas do cambio. Alcanzaron as alcaldías de tres grandes cidades, ademais dunha significativa representación en multitude de localidades. A experiencia no goberno e na oposición, das diferentes organizacións, o traballo colaborativo e a participación nun relato común foi trazando un camiño ascendente que ten como reto futuro o asalto ás vindeiras eleccións municipais de 2019, onde se deben manter as posicións e intentar medrar en número de propostas e representación.

O propósito máis inmediato debería consistir en devolver a dignidade á vida política e terminar definitivamente coa fenda entre gobernantes e gobernados. A onda de indignación do 15M aterrou na política municipalista das cidades e vilas de Galicia. Desde hai uns anos multiplícanse multitude de proxectos que queren fuxir da parálise e construír o cambio «desde abaixo». Proxectos que arrincan das situacións concretas, de iniciativas locais que se espallan aquí e acolá cos nomes das localidades nas que se proban.

Quizais o exemplo máis xenuíno sexa Marea Atlántica. Durante a campaña electoral de 2015, Marea Atlántica presentou un documento denominado “25 medidas urxentes” que se comprometían a aplicar durante os primeiros 100 días se chegaban ao goberno, entre elas, pode salientarse unha auditoría e renegociación da débeda, a publicación dos contratos, das retribucións e as resolucións, a posta en marcha de orzamentos participativos e dunha quenda de intervención cidadá no pleno do concello, baixada de salario do goberno municipal, paralización dos desafiuzamentos, renda social municipal, rebaixa das taxas, a aplicación da Lei da Memoria Histórica, revisión do Plan Urbanístico, impedir a especulación cos peiraos revisando o convenio de 2004 e non subvencionar eventos que promovan o maltrato animal. Algunhas promesas electorais foron cumpridas e outras non. Agora toca un novo impulso. A vontade dunha parte da cidadanía galega por ensaiar un radical envorco político abriu o horizonte a un futuro proceso constituínte; algo tan difícil, e á vez tan simple, como «cambiar as regras do xogo» co obxectivo de devolver protagonismo político á xente da pé, estabelecer mecanismos de control da representación e impoñer unha nova orde social e económica máis xusta, comezando por abolir a «escravitude por débedas» que a torto e a dereito impón a ditadura financeira.

O novo municipalismo galego debe ter como horizonte modular diferentes sensibilidades e tradicións que sirvan para fortalecer as candidaturas de unidade popular que nas próximas eleccións municipais coloquen nos asentos das alcaldías a persoas que defendan os intereses da maioría social e cuxo obxectivo central sexa profundar nas políticas transformadoras  realizadas, abordar os problemas das confluencias, reforzar o carácter movimentista das candidaturas de unidade popular e, en definitiva, continuar democratizando, redistribuíndo poder e recursos, tanto nas nosas organizacións como na sociedade no seu conxunto.​

 

Óscar Lomba Álvarez  (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo gallego, Tempos Novos, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. A súa web persoal é:  ÓSCAR LOMBA

 

 

OUTRO VIGO É POSÍBEL

untitled

  *     Óscar Lomba Álvarez

Vigo é unha cidade con suficientes recursos e chea de potencialidades, cun tecido social, veciñal e asociativo enorme e unha capacidade creativa excepcional. Porén, é unha cidade cada vez máis polarizada, na que moita xente vive e traballa en condicións indignas.

Se esta fenda entre persoas e barrios continúa medrando, cada vez será máis difícil facer realidade o soño dun Vigo humanizado, integrador e cohesionado, que sexa exemplo para o resto de cidades do Estado español e Europa.

O Goberno do PSOE liderado por Abel Caballero ten unha parte importante de responsabilidade nesta deriva cara a unha cidade de cartón-pedra onde importa máis o formigón que as persoas. Ao meu xuízo Caballero non ten un proxecto propio de cidade e favoreceu os intereses privados que pouco teñen que ver co ben común. Nos últimos anos, en realidade, o Goberno de Abel Caballero desenvolveu unha política municipal baseada nunha idea deformada do que debe ser a política desenvolvida polo goberno dunha corporación democrática. Abel Caballero entende o poder municipal non como un instrumento para mellorar a calidade de vida dos habitantes de Vigo e transformar a cidade, senón como unha ferramenta ao servizo dun grupo de partidarios incondicionais da camarilla que controla o aparello do partido. O suposto manexo e mal uso dos recursos públicos para asegurar adhesións indelébeis, presuntas contratacións arbitrarias e outras tantas irregularidades converterían o espazo municipal de Vigo nun procreo turbio. Caballero puido consolidar o apoio electoral grazas á unha gran cantidade de fondos utilizados no simple embelecemento parcial da cidade e no uso sistemático dos medios de comunicación afíns.

Vigo Pode, Marea de Vigo e todas as demais forzas políticas aliadas deben converterse no ariete que desenvolva unha acción de oposición contundente que xere unha ilusión renovada e favoreza unha dinamización das forzas do cambio. É necesario deseñar un programa de goberno ambicioso e á vez factíbel, que deberiamos poñer en marcha coa participación da cidadanía, durante o primeiro ano de mandato, se alcanzamos a alcaldía da cidade.

Ao meu xuízo urxe lanzar varias liñas prioritarias de acción que procurarían situar a loita contra a desigualdade, o desemprego e a mercantilización da cidade olivica no centro das nosas prioridades e un novo contrato social coa cidadanía viguesa. En paralelo a este Plan de choque, Vigo Pode e Marea de Vigo deben traballar por un programa máis amplo que, de contado, debería abrirse á participación e validación cidadá.

Este plan tería que comprometerse con toda a poboación de todos os barrios da nosa cidade. Porén, tería que priorizar ás persoas e barrios máis vulnerábeis e desprezados, que son os que máis sofren a crise e os recortes, e que non deixaron de organizarse para facerlles fronte.

O noso proxecto político debería arrincar dun proceso de elaboración e traballo compartido coas diferentes entidades e plataformas veciñais e cidadás, así como con técnicos e colectivos profesionais da cidade e de Marea de Vigo.

Para iso propoño auditar as contas municipais e recortar gastos, subvencións e privilexios innecesarios e tamén apostar por unha fiscalidade social e ambientalmente xusta.

Vigo ten recursos de abondo para facer fronte ás desigualdades e capacidade para converterse nunha referencia do que significa vivir ben, en común, con respecto polos demais e pola contorna. Para aproveitalos, debemos artellar un goberno valente e críbel, capaz de facer fronte aos grupos de poder que antepoñen os seus intereses particulares aos da maioría social e facer valer a intelixencia colectiva da xente e dos barrios.

Opino que o programa que Vigo Pode e Marea de Vigo debería propoñer catro liñas de acción básicas:

1) crear emprego digno, diversificando o modelo produtivo vigués;

2) garantir dereitos sociais básicos;

3) revisar privatizacións, concesións e proxectos contrarios ao ben común;

4) auditar a institución municipal e todas as concesionarias para acabar cos privilexios.

PODES PARTICIPAR NAS VOTACIÓNS TELEMÁTICAS A PARTIR DAS 18:00 HORAS DO DÍA 1 ATÉ HOXE DÍA 6 DE FEBREIRO ÁS 17:59 HORAS NA SEGUINTE LIGAZÓN: https://participa.podemos.info/es

Óscar Lomba Álvarez  (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo gallego, Tempos Novos, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. A súa web persoal é:  ÓSCAR LOMBA

ENTREVISTA A ÓSCAR LOMBA

untitled.png III

ENTREVISTA A ÓSCAR LOMBA (CANDIDATO NÚMERO TRES NA LISTA´VIGO PODE´)

Óscar Lomba Álvarez, naceu hai 51 anos no barrio obreiro de Lavadores en Vigo. Lomba é candidato nº 3 na lista VIGO PODE nas primarias municipais de PODEMOS en Vigo. Licenciado en dereito e diplomado en maxisterio. Tamén é un coñecido activista social e estivo vencellado a diversos colectivos e asociacións. Foi membro do consello reitor e vicepresidente da Cooperativa Árbore, asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e voceiro de SOS PXOM, entre outros. Actualmente é membro do Observatorio para a defensa dos dereitos e libertades (ESCULCA) e socio-fundador do Ateneo Atlántico.

Colaborou e publicou artigos de opinión nos seguintes medios: Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, Tempos Novos, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo Gallego, A Peneira, Galicia Confidencial, Praza Pública e Sermos Galiza.  Escribe tamén nos blog Aforzadaxente e No Ollo do Furacán.

 

Entrevista realizada polo xornalista Xurxo Rodriguez Pérez. Xurxo Rodriguez traballou en programas de radio como Troula, Trisquel e Ultreia, entre outros, nas emisoras Radio Archipiélago, Canal 9, ´Las Arenas´ e ´Radiodifusión Fuerteventura´. Asemade publica habitualmente no seu blog Distopías 18 e colabora tamén co blog Aforzadaxente e no blog da asociación “No Ollo do Furacán”. Tamén publica artigos de opinión en ´Noticia Vigo´.

 

1) Vostede é candidato número tres na lista ´VIGO PODE´ de PODEMOS. Como se presentaría?

Son candidato número tres nas primarias municipais de PODEMOS VIGO. Estou convencido de que en Galicia hai moita xente progresista e en Vigo existe tamén unha maioría progresista que non quere que as torpezas de determinados dirixentes dunha parte da “esquerda” nos arrastren ao enfrontamento e ao retroceso. Porén unha boa parte desa maioría viguesa progresista e con formulacións transformadoras necesita un novo proxecto que renove a súa ilusión e confianza en que as cousas pódense facer aínda mellor. Para iso hai que abrir e sumar indo máis aló de etiquetas ou nomes como MAREA DE VIGO.

As forzas políticas do cambio son necesarias, a cidadanía e a súa creatividade son imprescindíbeis. Hoxe todo o mundo sabe que necesitamos un revulsivo.

As próximas eleccións municipais en Vigo son moi importantes. Vigo é unha cidade poliédrica e ten varias facianas. Unha das súas facianas está debuxada polas loitas da súa xente, nas folgas xerais históricas como a de 1972, pero tamén polas grandes mobilizacións en defensa da sanidade pública, do naval, o comportamento exemplar dos vigueses e viguesas limpando as nosas praias coas súas propias mans despois da catástrofe do Prestige ou a autoorganización dos veciños e veciñas que apagaron a vaga de incendios do ano 2017. Porén tamén ten outra faciana máis gris representada polo populismo localista, o nepotismo e o enchufismo de Caballero

Por iso retirei a miña candidatura a encabezar a lista de PODEMOS EN VIGO e decidín integrarme na lista unitaria que encabeza Xaquín Pastoriza. Estou convencido de que é necesario un proxecto de confluencia amplo cun programa conxunto e participativo, compasando nosas primarias de PODEMOS VIGO coa posibilidade de incorporar a outras moitas persoas nun proxecto integral, optimista e de futuro.

Paréceme necesario facer un chamamento en Vigo a xuntarse, a sumar a todas as forzas verdadeiramente progresistas e a toda a cidadanía con ou sen adscrición de partido, á que segue atenta esperando un cambio e tamén á quen está na apatía ou a dúbida.

A política debe ser da xente e fana os vigueses e as viguesas. Estou convencidos de que a cooperación, a apertura e a transversalidade multiplican e son as mellores chaves para converter a Vigo nunha cidade con futuro.

2) Se fixéramos un percorrido pola biografía da cidade, considerada coma un organismo vivo e falaramos dos estiróns que deu no seu medre ou crecemento que momentos ou xeiras salientaría?

No primeiro terzo do século XX salientaría o desenvolvemento e crecemento do Porto de Vigo que se asocia á imaxe de emigración de miles de galegos que se embarcaron rumbo ao continente americano, pero tamén ao desenvolvemento económico. Comezan a crearse importantes empresas na cidade como os estaleiros de Barreras (a finais do século XIX) e Vulcano, así como Pescanova e unha multitude de empresas relacionadas co mar, sendo o sector industrial por antonomasia, ao cal hai que imputar a creación e expansión da maior parte das demais industrias.

Outro símbolo da cidade foi o tranvía, que comezou a funcionar en 1914. A cidade neste tempo ten unha enorme actividade social, abundan os xornais e semanarios, as asociacións e as organizacións de carácter político ou sindical, pero todo este dinamismo quedou neutralizado co estoupido da Guerra Civil. Segundo avanza o século, Vigo absorbe o municipio de Bouzas en 1904 e o de Lavadores en 1941, agrandando o seu termo administrativo e aumentando a súa poboación.

A mediados de século trázase a Gran Vía e a cidade sofre un enorme medre demográfico coa incipiente creación de barrios residenciais como o de Coia. Instálanse novas industrias, como Citroën Hispania, á vez que melloran as comunicacións e créanse novos plans para ensanchar a cidade. Vigo sofre un elevado crecemento demográfico, pasando dos 30.000 habitantes que había en 1910 aos case 300.000 de hoxe en día…

3) ¿Como valora a xestión dos anos de goberno do Alcalde Abel Caballero, practicamente a última década na cidade?

A miña valoración non é positiva. O goberno de Caballero partía das mellores condicións posíbeis, pero non as aproveitou. En 10 anos Vigo recibiu 2.500 millóns de euros e destes só dedicou a investimentos 300 millóns de euros. Ao meu xuízo a xestión da actual Xunta de Goberno Local non foi boa. Non se produciu unha transformación da cidade. Dedicáronse inxentes cantidades de recursos a beirarrúas, lousas e baldosas. Non se desenvolveron proxectos estratéxicos de importancia. Non se construíron urbanizacións. Non se crearon vivendas de protección oficial. Vendéronse moitas das que había antes. Non se construíron novas zonas verdes… Fomentouse o enfrontamento permanente e a ficción do inimigo exterior levounos ao illamento de Vigo.

Caballero baseou a súa política no enfrontamento gratuíto. Enfrontamento coa Zona Franca, co Celta de Vigo, coa Xunta de Galicia, co Goberno central, cos concellos do Área metropolitana… co resultado dunha cidade illada e con menos aliados. En xeral a miña opinión é que houbo mala xestión…

4) Engadiría algunha cousa positiva?

Positiva? Non. Engadiría que coa suspensión do PXOM a situación urbanística de Vigo retrocedeu 25 anos. O Tribunal Supremo tombou o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo que levaba en vigor desde o ano 2008. A sentenza do Supremo, atendendo ao recurso interposto por unha asociación veciñal cualificou como “radicalmente nula” a tramitación ambiental “indebidamente xustificada”. A caída da achaiadura devolveu á cidade á situación urbanística do ano 1993, con miles de vivendas ilegais.

A nulidade da achaiadura urbanística de Vigo é un problema do Concello de Vigo e tecnicamente falando a súa solución está no propio Concello, sen que se poida descargar esta responsabilidade na Comunidade Autónoma.

5) Posta a óptica no investimento en gasto social. Como valora as políticas sociais e cal é a súa alternativa?

Estimo que o gasto social en Vigo foi insuficiente. E non o digo eu. O informe anual da asociación de directoras e xerentes dos servizos sociais cualifica de «precario» o gasto social por habitante de Vigo, xa que simplemente dedícanse uns 42,43 euros por habitante. O estudo, realizado cos datos publicados polo Ministerio de Facenda e Administracións Locais recolle os 384 municipios con máis de 20.000 habitantes e mostra as cifras reais sobre gasto social. Mentres cidades como Santurce e Baza lideran a listaxe con máis de 200 euros por habitante, ou cidades como Barcelona e Zaragoza superan os 100 euros habitante, Vigo sitúase nunha zona baixa da táboa con pouco máis de 42 euros.

6) Xa rematando, a modo de resumo e síntese. Cal é o seu modelo de cidade?

O meu modelo de cidade é ben diferente do modelo de Caballero. Opino que Vigo debe recuperar o dinamismo perdido. A riqueza da nosa cidade é creada de xeito agregado e cooperativo e acho que é necesario repartila dun xeito xusto. Esa é a clave para construír un novo modelo produtivo que favoreza o benestar de toda a cidadanía viguesa e que modifique o modelo de cidade. Durante os últimos anos aceptouse estoicamente por parte dos distintos gobernos municipais exclusivamente unha economía baseada no sector naval, a automoción ou o comercio e o emprendemento individual. O resto da economía viguesa estivo «impulsada» por unha elite egoísta e obtusa, composta por individuos como Fernández Gayoso e Pego Alonso da antiga entidade financeira NovaGalicia Banco, Manuel Fernández de Sousa e Alfonso Paz Andrade de PESCANOVA, González Viñas e García Costas no sector naval…que favoreceron unha economía especulativa.

Fronte a ese modelo fracasado opino que é necesario favorecer a recuperación da economía viguesa e debería potenciarse a investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, é dicer, o I +D+ i. É necesaria unha nova industria que impulse a produción innovadora, creativa, con alto valor engadido e un comercio adaptado ás necesidades reais dos vigueses e viguesas. Habería que impulsar unha economía do próximo, un comercio local baseado nas iniciativas cooperativas, as empresas de economía social e as redes de economía solidaria que respecten o medio ambiente e os dereitos dos traballadores e traballadoras. Creo que é necesario elaborar un Plan de Desenvolvemento Local de Vigo. Sería moi necesario un amplo debate cidadán para a preparación dun Plan de Desenvolvemento Local e un Plan Estratéxico para o Desenvolvemento Económico de Vigo e a súa área de influencia. Ese futuro plan estratéxico debería ser elaborado por expertos pero con achegas da propia cidadanía a través de métodos participativos, un plan deseñado para axudar a mellorar a calidade de vida da poboación de Vigo, rompendo as dinámicas de marxinación e que poña énfase na poboación máis indefensa, como as mulleres e os mozos. Non podemos seguir baseando a nosa economía no sector Naval, a automoción e o comercio. Sería imprescindíbel impulsar novos sectores económicos, como o sector aeroespacial, o sector das telecomunicacións, o sector da ciencia, a medicina e o medio ambiente (investigacións biomédicas, investigacións mariñas, sector farmacéutico…), un sector financeiro propio e tamén o sector cultural vigués.

Para iso teriamos que impulsar un gran debate cidadán e de sectores implicados co obxectivo de crear un consorcio de empresas públicas co apoio da comunidade autónoma, do propio concello e da universidade de Vigo.

Ao mesmo tempo penso que habería que crear un Instituto de Crédito Municipal e unha sociedade de capital risco que axudarán ao financiamento de proxectos complementarios de desenvolvemento local baixo a protección e o control público. En resumo habería que priorizar as persoas fronte ao formigón.

 

Sen máis deséxolle sorte nesta andaina.

 

PODES PARTICIPAR NAS VOTACIÓNS TELEMÁTICAS A PARTIR DAS 18:00 HORAS DO DÍA 1 DE FEBREIRO DE 2019 NA SEGUINTE LIGAZÓN:  PRIMARIAS MUNICIPAIS PODEMOS

untitled.png VI

A SANIDADE PÚBLICA NON SE VENDE 

untitled

Resultado de imagen de Oscar Lomba

  Óscar Lomba Álvarez 

FONTE: Web de Óscar Lomba

Dispor dunha atención sanitaria pública, universal e de calidade é un dereito cidadán, independente da condición social ou do lugar de residencia. Porén a progresiva aplicación de políticas ultraliberais, que se propoñen desmantelar o raquítico Estado do benestar e que favorecen a privatización da sanidade pública, están provocando un colapso do sistema e ao mesmo tempo están estragando a nosa saúde. O Partido Popular de Galicia concibe o sistema sanitario coma se dunha mercancía máis se tratase e por iso estamos asistindo a un deterioro paulatino do sistema. Centros sanitarios obsoletos e con material deteriorado, carencias de persoal sanitario e administrativo, gastos farmacéuticos elevados, incremento da listas de espera…

Eses procesos de privatización dos servizos públicos forman parte do chamado proceso de mercantilización do Estado de Benestar. A campaña de depreciación do público e de mingua do papel do Estado arrinca xa hai varias décadas e a partir da crise financeira de 2008 asistimos a unha forte especulación e unha feroz financiarización da economía que sustenta a progresiva mercantilización do Estado de Benestar. E a sanidade non escapa a este proceso, xa que a actual depresión económica está sendo utilizada como ariete para debilitar o Estado de Benestar e para favorecer a incorporación de negocio nos servizos públicos.

Non existe evidencia ningunha que demostre que a xestión privada é máis eficiente que a xestión pública. E con todo escoitamos falar constantemente de “xestión clínica”, “modernización”, “colaboración público-privada” ou “externalización”, eufemismos dunha estratexia deseñada para conducir á venda encuberta da sanidade pública, pero só daquelas partes ou segmentos rendíbeis que poden satisfacer os intereses económicos das empresas do sector.

Núñez Feijóo seguiu o camiño privatizador emprendido polo goberno de Mariano Rajoy. O Partido Popular de Galicia acometeu privatizacións soadas como a concesión da construción e explotación do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo a unha Unión Temporal de Empresas (UTE) e recortes constantes no gasto público que comezaron cunha redución do orzamento sanitario en máis dun 18% desde o ano 2009, resultando a máis prexudicada a atención primaria con máis dun 22%. Esta redución trouxo como consecuencia a redución de persoal, xa que desde o inicio da crise até a actualidade perdéronse case 1800 prazas na sanidade pública galega e a eliminación de camas nos hospitais: 447 entre 2010 e 2014.

A construción do Hospital Álvaro Cunqueiro non supuxo unha solución ao problema e se engadimos os desastrosos acordos entre o SERGAS e POVISA concluímos que a nefasta política sanitaria do PPdeG conduciunos a actual situación de deterioro insoportábel do noso sistema sanitario.

Por todo o exposto volveremos mobilizarnos en Vigo o próximo 24 de xaneiro, porque a Sanidade Pública non se vende e porque defendemos a dignidade do sistema sanitario público e loitamos contra os recortes.

Óscar Lomba Álvarez  (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Correo gallego, Tempos Novos, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. A súa web persoal é:  ÓSCAR LOMBA

ACTO REPUBLICANO

Oliveira_Vigo_Paseo_de_Alfonso_XII-retouched-4

RECUPERANDO A MEMORIA

 

Ofrenda floral ao pé da Oliveira.

14 de agosto de 2018 ás 20 horas no

Paseo de ALFONSO XII en Vigo.

Participa e difunde!

Acto Republicano

Bacariza. Requiem.

Resultado de imagen de fotos manifestaciones obreras  años 70 vigo

*  Xurxo Rodriguez Pérez

Era verán do 74. Desde París, Carrillo intentaba impoñer a Xunta Democrática, en liña coa sedicente e vergoñenta política da Reconciliación Nacional. Daqueles pos esta lama.

O movemento estudiantil en Ensino Medio estaba moi axitado desde o curso anterior. O movemento obreiro vivía o refluxo das folgas do 72.

Un dos líderes daquelas folgas en Citroen foi Juan Baqueriza. O seu apelido aparecía xunto a outros nomes, Eulogio, coñecido como, Baba, Isidro Montes, Juan Benavides, salvo erro, pois cito de memoria, naquelas sementas panfletarias da clandestinidade.

Baqueriza foi detonante nos paros de Marzo en Citroen, que contribuirán ao desenvolvemento folguístico, cuxo momento cenital coñecerase en setembro.

Baqueriza quedará aureolado por aqueles feitos cun carisma que lle acompañará sempre. Será un loitador represaliado que, desde a estrutura do sindicato vertical, aplicará consígnalas do PCE e das CC.OO. Pero tamén será un loitador en todas as frontes da mobilización obreira clandestina. Sexan paros, manifestacións, reunións ou citas. Sempre con gran valor e resolución.

Naquel verán do 74 fun invitado por José Luís Ezama a unha asemblea á que asistía Baqueriza, entre outros militantes obreiros e estudiantís. Alí confrontamos análise e opinións achega dos respectivos movementos e os escenarios de ruptura política que se aveciñaban para a desaparición dun Franco tromboflebítico, que non necesariamente o franquismo. Iso había que pelexalo.

Non foi posible congraciar nosas posturas estudiantís coas pretensións carrillistas dun reformismo de ruptura pactada. Naquela ocasión Baqueriza tivo comprensión para as nosas formulacións, con algún xesto de desmarque do seu Partido. Non o esquecín xamais e agradecinllo sempre.

Dez anos máis tarde, en 1984, recordámolo xuntos ao coincidir militando en Vigo no PC, que daquela lideraba Ignacio Gallego. Baqueriza rompera había tempo co eurocomunismo e reencontrabámonos.

Nos seus derradeiros anos, sen saber precisar desde cando, volveu a Cuntis e terminou politicamente os seus días na socialdemocracia con cargo institucional. Ao meu parecer, isto non empana xornadas gloriosas de entrega e sacrificio á causa do combate pola dignidade do traballador. Polo que tivo que pagar alto prezo. Non serei eu quen arroxe terra sobre a súa memoria.

Emocionada lembranza e respecto á súa figura histórica no momento da despedida e testemuño de condolencia aos seus familiares e achegados.

* Xurxo Rodriguez Perez é analista político e membro da corrente A Forza da Xente

Resultado de imagen de fotos manifestaciones obreras  años 70 vigo

Blog de WordPress.com.

Subir ↑