Thousands of pro-life and anti-abortion demonstrators... : Fotografía de noticias

Fonte: O Salto

Por Beatriz Gimeno. *

Beatriz Gimeno

(Tradución ao galego: Delfina Álvarez Otero)

O debate sobre a eutanasia volve á primeira liña política co suicidio asistido de María José Carrasco e fainos reflexionar sobre as relacións entre a vida como feito biolóxico, a vida encarnada na persoa con dereitos e autonomía, o poder (os partidos) e a súa relación con ámbalas dúas cousas.

Paga a pena unha certa consideración pensar que, en momentos electorais, cando se supón que os partidos políticos non se atreven a separarse un momento da demoscopia, neste asunto, en cambio, todos eles (excepto Podemos) negáronse –en reiteradas ocasións– a lexislar no sentido que está pedindo case o 80% da poboación. Algo moi nuclear, entón, ten que xogarse aí cando os partidos ou as relixións que representan ao poder político e económico opóñense a calquera cousa que signifique recoñecer o poder dos suxeitos sobre as súas vidas, e cando a esquerda medrosa –o PSOE– di que si en campaña para rexeitar logo, cando podería aprobalo, calquera proposta nese sentido. E mentres, a dor sucede. E este debate non é só sobre a eutanasia, senón que ten que ver co debate sobre o aborto, a experimentación con células nai, a fecundación artificial, a posibilidade de drogarse para evitar a dor física ou psicolóxico, etcétera.

Cando falamos dunha nena embarazada dun feto anacefálico á que se lle obriga a parir e logo a aleitar a ese bebé destinado á morte, ou cando falamos dunha persoa que nos derradeiros días da súa vida pide morrer porque xa non soporta a dor nin a vida, unha vida que nin sequera pode arrebatarse a si mesma, estamos a falar do mesmo: do poder. Hai un compoñente evidente do poder patriarcal no primeiro caso, de disposición do corpo das mulleres e de control da súa sexualidade, pero non é só iso. Ámbalas dúas cousas teñen que ver coa maquinaria de control da vida, coas condicións de produción do discurso sobre a vida e de como estes discursos mestúranse coa política.

Os grupos conservadores buscan aparecer neste debate como grupos de defensa radical da vida, pero defenden unha vida desposuída de dereitos

Non esquezamos tampouco que sabemos dabondo que ningunha persoa rica morre entre dores e ningunha delas ten problemas para atopar quen lle fornezan o que necesita cando o necesita, do mesmo xeito que si xamais se coñeceu o caso dunha adolescente rica embarazada non é porque isto non ocorra, senón porque as ricas acceden ao aborto sempre que o necesitan. O poder móstrase sobre quen pode mostrarse, non se crean os mecanismos de poder para que aqueles que o manteñen se opriman a si mesmos.

E xa sabemos, grazas a Foucault entre outros, que a política de poder e control sobre os corpos cambiou na modernidade no sentido ao que agora nos enfrontamos. O poder non estaba interesado na conservación da vida cando era a súa prerrogativa destruír os corpos. De feito, a Igrexa non considerou un pecado grave o aborto até ben entrado o século XIX, até o pontificado de Pío IX, concretamente. Antes diso, a Igrexa non se preocupaba polo aborto e moitos pais considerárono un pecado venial e até preferíbel a moitos outros dos que puidese cometer unha muller.

A Igrexa comeza a preocuparse polo embrión só cando as mulleres comezan a emanciparse da influencia daquela nas súas vidas. Do mesmo xeito, o poder non tiña como obxectivo conservar a vida de ninguén cando podía destruíla case ao seu antollo e facelo, ademais, no medio dos tormentos máis terríbeis. O soberano era o dono dos corpos dos seus súbitos e eses corpos podían ser torturados, desmembrados, queimados. O poder absoluto dispoñía dos corpos absolutamente.

A partir do século XVII, coa chegada da modernidade, aparece o discurso dos dereitos e cada suxeito comeza a aparecer como dono da súa vida e do seu corpo. O poder absoluto decae e comézase a poñer límites ao dereito deste sobre os corpos. Cando o Estado perde a capacidade de decisión e control sobre o suxeito, porque este adquire dereitos, e a vida do individuo convértese nun dereito deste; cando xa non falamos de calquera clase de vida, senón dunha vida con dereitos, entón o poder comeza a virar e pasa de dispoñer do poder de arrebatar a vida ao poder de obrigar a mantela custe o que custe, mesmo a costa da vontade do propio suxeito. Só cando os viventes pasan a ser persoas con dereitos, cando asumen características de autodeterminación e conciencia de si mesmos (primeiro os ricos, despois todos os homes, máis adiante as mulleres) é cando, gradualmente, o poder, xa sexa o poder político ou o relixioso, comeza a preocuparse obsesivamente pola vida. E isto non ocorre só como nova manifestación do poder (o poder sempre ten que manifestarse), senón tamén para enmascarar que non entendemos o mesmo por “vida”.

Sabemos dabondo que ningunha persoa rica morre entre dores e ningunha delas ten problemas para atopar quen lle fornezan o que necesita cando o necesita.

Fronte á reivindicación de dereitos propia da modernidade e á consolidación dalgúns deles logo da II Guerra Mundial, o poder capitalista asume defender a defensa da vida (mesmo fetichizala) unicamente como preservación biolóxica, sen que importen as condicións nas que devandita vida se desenvolve. Porque do debate sobre a eutanasia de María José Carrasco saen dous fíos de debate. Un é o da eutanasia propiamente dita e outro é o das condicións de vida desa muller completamente abandonada á súa sorte polo Estado, e dependente da bondade, neste caso, do seu marido.

Os grupos conservadores buscan aparecer neste debate “e desde o seu inicio” como grupos de defensa radical da vida, pero defenden unha vida desposuída de dereitos. Xa non é só a prohibición do aborto, senón o control que se exerce sobre os corpos femininos a través da regulación dos embarazos cando se están aprobando leis que poden levar ao cárcere a mulleres embarazadas por conducir de xeito imprudente, ou por fumar ou por beber; ou a prohibición non só da eutanasia activa, senón de calquera analxésico que combatendo de xeito efectivo a dor puidese acurtar unha vida xa terminal, ou mesmo a sospeita que se fai recaer sobre calquera fármaco que combata efectivamente a dor.

Así, dáse o aparente paradoxo de que os grupos a prol dos dereitos (humanos) enfróntanse aos chamados provida, que en realidade son anti eses mesmos dereitos. O debate faise bascular entón cara onde non parece importar a calidade da vida, senón só o mantemento da mesma a calquera prezo e por riba da propia vontade do individuo, da súa dor e da súa liberdade. Enfróntanse os que ven na vida un campo de dignidade, posibilidade de felicidade e benestar fronte aos que defenden a vida como feito biolóxico obxecto de control. Dereitos/dignidade fronte a control e regulación.

O capitalismo converte a morte nun tabú mentres finxe enfaticamente que a defensa da vida é o principal mandato do Estado de dereito.

É evidente que os que se chaman a si mesmos provida non queren que esas vidas sexan vivíbeis, senón que é ao contrario; quen máis contribúen a degradar a vida humana até limites insoportábeis aparecen logo como defensores sen concesións da mesma. Como se expresaría o poder se non é demostrando que se controlan os corpos e as vidas? E, con todo, hai excepcións; e esas excepcións artéllanse ao xeito capitalista: non temos dereito a dispoñer dos nosos corpos ou as nosas vidas, non podemos beber embarazadas, nin combater a dor extrema con drogas, nin matarnos ou amputarnos, pero podemos facer case calquera cousa cos nosos corpos se iso supón poñelos ao servizo do mercado e tratalos (tratarnos) como unha empresa.

Podemos vender (nos), vender partes dos nosos corpos, podemos amputarnos se é para normativizarnos ou converternos nun produto, podemos drogarnos se é para consumir. E o Estado (os Estados) poden matar, arroxar ao mar, matar de fame, contaminar todo aquilo que fai a vida posíbel.

O capitalismo converte a morte nun tabú mentres finxe enfaticamente que a defensa da vida é o principal mandato do Estado de dereito. Porque o chamado Estado de dereito non proporciona xa dereitos, porque non pode sequera regular a economía, é polo que se empeña aínda en regular a vida biolóxica dos suxeitos obsesivamente e así, ao centrarse na vida biolóxica non ter que abordar o que a maioría chamamos vida e que é a que defendemos: a vida boa para vivila.

* Beatriz Gimeno é deputada por Podemos na Asemblea de Madrid e responsábel da área de igualdade de Podemos na Comunidade de Madrid

Anuncios