Vivimos en sociedades desestruturadas, cada vez menos homoxéneas, marcadas pola exclusión de algúns para desfrute duns poucos e autosatisfacción da medianía.

 

Adolfo Telmo Pérez *

Ao falar neste artigo do Movemento Veciñal estou a referirme exclusivamente ás Asociacións de Veciños (AAVV). Os Movementos Sociais (MMSS) nos barrios son moito máis que as AA.VV. En calquera caso vou centrarme na análise das AA.VV.

O movemento veciñal e os colectivos que organizan a participación veciñal son aqueles nos que se organiza veciñanza, é dicir, as persoas que conviven nun barrio, e que se organizan para a participación na vida pública e o logro de fins comúns. De todas maneiras no noso país o devandito movemento asociativo da veciñanza tivo un curso descendente no aspecto asociacionista, na súa influencia social e na súa capacidade de mobilización.

As iniciativas de tipo asociativo e reivindicativo aludidas cando se fala de «movementos sociais» son e foron, particularmente, o movemento pacifista, o feminista, o ecoloxista, o xuvenil e especialmente o veciñal, aínda que tamén existisen outros de menor amplitude ou localización xeográfica concreta (movementos de solidariedade internacional, de apoio á normalización lingüística nas comunidades con lingua propia,…).

A tradición asociativa na nosa sociedade foi sempre escasa, coa parcial excepción de Euskadi e Catalunya. Hai dez anos, e mesmo nos momentos de intensa efervescencia política que se viviron tras a morte de Franco, a militancia real, tanto en partidos políticos como en sindicatos ou mesmo nos movementos sociais, ía minguando e quedando reducida a aqueles activistas máis conscientes e comprometidos.

Un dos métodos máis empregados por algúns partidos, sindicatos e outras entidades asociativas foi avultar as súas listas de membros e afiliados renunciando a esixir deles unha militancia efectiva (asistencia a reunións asiduas, pagamento de cotas elevadas, venda de publicacións e propaganda, …) conformándose con xeitos de vinculación moi frouxas e flexibles. Aínda así os estudos sociolóxicos realizados ao longo dos últimos anos revelan que o interese asociativo en Galicia e no conxunto do Estado español foi decaendo, paseniño e devagar pero firmemente.

 Gromos verdes

A caída dos MM.SS. non foi lineal, pois a súa caída caracterízase por un balizamento de etapas e mobilizacións que non só desencadearon algúns fitos históricos das loitas cidadáns senón que axudaron á diversificar as mobilizacións sociais e catapultaron a algúns lideres veciñais cara á vida pública, porén tamén deixaron algúns sinais de esmorecemento e non poucas leccións sobre as súas propias feblezas.

Os MM.SS. tiveron sempre un carácter moito máis inestable que os partidos políticos ou os sindicatos, e o seu desenvolvemento foi debedor, invariablemente, de feitos ou sucesos da actualidade inmediata. Así, o movemento pacifista acadou un poder de atracción e mobilización social moi considerable cando se produce o ingreso na OTAN e o posterior referendo, pero foi debilitándose ás alancadas nos anos seguintes. O desencadeamento da guerra do Golfo permitiulle volver a erguer a testa pero, acabada esta, entrou nun novo letargo. Tamén o movemento feminista conseguiu un auxe certo, grazas sobre todo ás mobilizacións a favor do aborto libre. De todas maneiras o movemento feminista é moito máis estable que outros MM.SS. A Marcha Mundial das Mulleres e outras iniciativas como as mobilizacións contra a violencia machista están servindo de combustible catalizador para manter moi activo ese movemento social.

Debemos salientar a mobilización de “Nunca Máis” nos anos 90 como un estoupido de dignidade cidadá , porén tivemos que agardar até o ano 2011 para vivir o 15M, que non só foi un éxito cuantitativo senón tamén unha das experiencias cívicas máis fermosas acontecidas desde a transición política deica a actualidade.

Mención aparte merece a PAH, que Ada Colau define como “un movemento cidadán no que participan miles de persoas, a maioría afectadas, algunhas outras solidarias, todas mobilizadas pola defensa do dereito á unha vivenda digna. STOP Desafiuzamentos é un movemento apartidista, moi plural e transversal, no que persoas moi distintas coincidimos, movidas pola indignación fronte ao abuso das entidades financeiras”. Aínda que non nace do 15M, a PAH recibe del un forte impulso; coa promoción da ILP de 2013 acada unha lexitimidade e un importante apoio social ás súas peticións.

O movemento veciñal e as asociacións de veciños foron decaendo devagar en capacidade mobilizadora, deixando de ser referente dos problemas dos barrios e dos veciños e veciñas, sendo este espazo asumido por outras asociacións e colectivos. Seguen existindo as asociacións veciñais, fundamentalmente as súas directivas, que perseguen esas finalidades, e outras, mais cun altísimo grao de burocratismo. O seu eco hoxe, na vida política e social, é case imperceptible.

Desarmamento moral

Por que as Asociacións Veciñais viven hoxe unha lánguida e átona existencia? Por varias razóns fundamentais, que en último termo fúndense nunha: A primeira é que cada vez teñen menos integrantes, a segunda é que sofren como calquera o baixo nivel de asociacionismo da sociedade galega (igual que no resto do Estado) e a terceira razón polo altísimo grao de burocratización das súas directivas

O PSOE e, posteriormente o Goberno do PP fomentaron decisivamente estes factores.

Tiñan un plan

Foron os Gobernos do PSOE e do PP quen fixeron o posible por anular a capacidade política radical, «desestabilizadora», das asociacións veciñais. Fixérono desde fóra, creando un baleiro ao seu redor, dificultando as súas posibilidades de conectar co conxunto da poboación e deformando a súa imaxe a través dos medios de comunicación que lle son fieis. E fixérono en todo o que puideron tamén desde dentro, intervindo nos movementos que lles parecían hostís por natureza.

Con este fin, ao longo do últimos dez anos, o PSOE serviuse da acción dos seus militantes, dos cantos de serea do Poder («cando quero tapar a boca a un tipo realmente molesto, noméoo para un cargo e póñolle un despacho») e, sobre todo, da máis eficaz das súas armas: o diñeiro.

Falouse moito das subvencións concedidas polos socialistas ás organizacións veciñais que lles son afíns. O que moita xente non sabe é que non só se financian asociacións dóciles. Tamén subvencionan algunhas inicialmente críticas. E non só Asociacións Veciñais senón tamén feministas, ecoloxistas, culturais… O sistema consegue que o financiamento oficial se torne esencial para a subsistencia da organización e deixa que o diñeiro faga os seus efectos: pasado o tempo, é pouco probable que os seus responsables teñan desexos de enfrontarse radicalmente con quen asegura o sostemento da andrómena.

Máis importante, e tamén máis sutil, é o traballo de «desarmamento moral» que o PSOE e PP realizaron á escala de toda a sociedade. Porque bo é tapar a boca do que quere protestar, sen dúbida, pero máis importante é conseguir que o conxunto da sociedade sexa insensible ás protestas.

Outro dos problemas ou enfermidades que detectamos nestes anos foi, ademais da «subvencionitis», o papel que xogaron as directivas e membros destacados das asociacións de veciños, que é o de ser axente negociador fronte aos consellos de goberno dos concellos para que o regulamento correspondente na súa localidade fose aprobado. Isto implicou, para estas asociacións, o ter que especializarse nunhas formas de contabilidade e de xustificación con facturas que as fixeron familiarizarse coa linguaxe burocrática das administracións municipais. Deste xeito, concentráronse en vivir e facer actividades só en función das axudas recibidas polas administracións públicas.

Sen dúbida ningunha, as concesións xenerosas que algúns gobernos quixeron ao outorgar ás federacións de asociacións de veciños foron as que marcaron a actividade destas AA.VV. e o que provocou que, aos poucos, cederan e sucumbiran ao famoso “o que paga manda”. A renuncia a crear un movemento autónomo sumándose aos ventos do 15M reforzou unha tendencia ao burocratismo xa iniciada na década anterior.

Nos últimos tempos, algúns Concellos optaron por reducir ou eliminar as subvencións escusándose en ter tido moitos problemas, e criticaron ás asociacións por non estar á altura dun bo control e uso das mesmas. Pero isto non deixa de ser, agora que temos un movemento veciñal burocratizado e limitado á vida das directivas, unha parte dese xogo ao que se prestaron. Por iso é curioso escoitar os queixumes das directivas por recibir menos cartos e que non sintan esporeadas as súas conciencias para liberarse deste contrato envelenado.

Hai exemplos máis que suficientes que amosan como ser quen de crear organizacións eficaces e influentes con financiamento dos seus afiliados ou grazas ao crowdfunding. Iso non quere dicir que se condene todo tipo de subvención pero si se esta se converte na única fonte e sobre todo que dela dependa a propia existencia.

Participación, transparencia, rendición de contas… Son algunhas das demandas cidadás que máis se incrementaron desde a aparición do movemento 15M. Dende hai anos son moitas as iniciativas veciñais que naceron ou deron novos impulso ao MM.VV. e á propias asociacións de veciños e veciñas, pero sempre coa premisa de independencia, transparencia e rachar co “movemento institucionalizado” en que se converteu ao longo dos anos 80-90 o MMVV (ver Movemento veciñal – Fundación Bético )

Temos, agás excepcións, unhas directivas nuns casos dedicadas a cumprir unha listaxe de festexos e incapaces de erguer un movemento veciñal autónomo apoiándose no numero de persoas que aínda acoden e traballan con todos os seus folgos e boa fe nas AAVV.

Son diversas as potencialidades, tarefas e novos retos do movemento veciñal, con reivindicacións diferentes ás que marcaron as súas orixes, pero cunha «razón de ser» fundamental: a vinculación a un territorio como elemento que os define. O mais positivo destas novas practicas, definidas por algúns dos dirixentes veciñais implicados nestes procesos é o compartir, en coordinación con outros movementos, elementos concretos para a mobilización e para a execución de programas comúns.” (Tomas R. Villasante e Virginia Gutierrez Barbarrusa) A idea é o traballo colectivo tendo en conta as diferentes redes presentes e involucrando a diferentes colectivos nos barrios .

Desgraciadamente opino que non son poucas as persoas que pretenden ser quen de crear novos movementos sociais ou impulsar algúns xa existentes, cando en realidade a súa vida é unha sucesión de ocorrencias, a súa actividade son só medios para protexerse e para asentarse na súa diferenza dunhas maiorías cidadáns e movementos sociais que lles producen profunda incomodidade. Como eses individuos, e os seus colectivos, non representan a case ninguén, como non teñen sociedade perante a que responder, non prestan atención ás consecuencias sociais dos seus actos.

Esperemos que o verdadeiro movemento veciñal que lles rodea acabe por desprazar a non poucas directivas burocratizadas e se consolide un movemento autónomo e combativo que aglutine vontades e reforce as enormes potencialidades que xurdiron estes anos nos diferentes barrios, vilas e cidades de Galicia.

* Adolfo Telmo Pérez é médico e membro da PAH – STOP DESAFIUZAMENTOS. Forma parte da corrente A FORZA DA XENTE

Anuncios