Buscar

aforzadaxenteblog

mes

abril 2017

O POZO NEGRO DA CORRUPCIÓN E A DEMOLICIÓN DO ESTADO DO BENESTAR

Lomba Álvarez *

FONTE: Web de Óscar Lomba

Coa detención do expresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio González, nunha operación dirixida polo xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco contra a corrupción na xestión da Canle de Isabel II na que foron detidas outras once persoas, o Estado español mergullouse nun pozo negro sen fondo cuxas augas podres están ateigadas de corruptos e corruptores. Porén, a cuestión da corrupción é moito máis profunda. Creo que só unha pequena parte dos casos é descuberta e non todos os corruptos chegan a ser coñecidos pola opinión pública. Imaxino que moitos quedan agochados nas entrañas máis recónditas das cloacas do sistema. A corrupción atinxe a servidores públicos e a cidadáns deshonestos e sempre ten dúas facianas, a dos corruptos e a dos corruptores.

A corrupción política e o mal uso do poder público para conseguir unha vantaxe ilexítima é unha práctica moi estendida. A malversación dos caudais públicos, o uso ilexitimo e oportunista da información privilexiada para o beneficio dunha minoría; o aproveitamento dos aparellos do Estado para favorecer a determinadas empresas amigas e perpetuar a esas elites que parasitan os recursos públicos, ademais dos subornos, o tráfico de influencias, as extorsions, as fraudes, a prevaricación, o caciquismo, o nepotismo, a impunidade, e o despotismo da casta que nos afoga e que se serve dunha trama que intenta perpetuar no poder aos de sempre.

A política española comeza a parecerse demasiado ao período máis escuro da política italiana que desembocou na ‘Tangentopoli’ e cuxa trama de corrupción e subornos involucraba ás máis altas esferas estatais. Porén opino que aquí as cousas poderían mesmo ser peores. E afírmoo ao observar que no Estado español intimídase a xuíces e fiscais, recórtanse dereitos fundamentais e liberdades públicas e atácase implacabelmente a liberdade de expresión, condenando a cadea a unha moza por contar chistes sobre Carrero Blanco en twitter, mentres o Tribunal Supremo condena a César Strawberry a un ano de cárcere por comentarios que son considerados enaltecemento do terrorismo ou a Audiencia Nacional envía a prisión provisional sen fianza a uns titiriteiros que, na súa actuación, mostraban unha mensaxe dentro da trama da función, na cal líase “gora alka ETA” e doutra banda toléranse taxas escandalosas de pobreza e exclusión social que alcanzan case o 30%…

Percibo que existe unha ameaza real aos dereitos fundamentais e liberdades públicas (liberdade de expresión, asociación, reunión…) derivados das reformas lexislativas dos últimos anos no ámbito penal -reforma do Código Penal- e o relativo á mal chamada Lei de seguridade cidadá -Lei Mordaza- que como apuntei antes puxeron en perigo o exercicio de dereitos como o da liberdade de expresión. Por outra banda opino que vimos minguados moitos dereitos económicos, sociais e culturais que tamén están ameazados: coa posta en marcha de normas para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde, o Estado español está limitando o dereito á saúde e isto podería afectar ao dereito á vida dalgúns dos colectivos máis vulnerábeis da sociedade. Tamén a vulneración do dereito á vivenda e a existencia de incontábeis desafiuzamentos. Ademais a LOMCE minguou a posibilidade de acceso á educación a moitos estudantes que non poderán continuar os seus estudos. Igualmente medrou a violencia contra as mulleres. Decenas de mulleres morren cada ano no noso país vítimas da violencia machista.

En resumo, a corrupción e a profundización das políticas de axuste derivaron en recortes da protección social, especialmente nos sistemas de pensións e desemprego; un forte e sostido ataque aos servizos públicos básicos como a educación, a sanidade e os servizos sociais; e unha profunda involución nas institucións laborais como a negociación colectiva, o diálogo social e o papel dos sindicatos. A todo iso hai que sumar, a campaña emprendida contra os dereitos civís e a reforma do código penal para incrementar o poder coercitivo do Estado e facilitar as políticas represivas nun intento de neutralizar a resposta social e sindical aos recortes e á progresiva depauperación dos segmentos máis débiles da sociedade española.

Por todo o exposto é necesario que as forzas do cambio sexamos capaces de autoorganizarnos e prepararnos para pasar a unha fase ofensiva que combine a loita na rúa co combate nas institucións e que sirva para catapultar á sociedade politica (parlamentos, concellos, …) a amplos sectores de militantes e activistas sociais que defendan os intereses da maioría social en todos os foros e organismos nos que sexa posíbel. Ese é o camiño para acabar coa corrupción e recuperar e ampliar os dereitos e liberdades perdidas.

* Óscar Lomba Álvarez é licenciado en dereito e membro da corrente A Forza da Xente

Anuncios

VIVA A REPÚBLICA!

Resultado de imagen de fotos república española

ÓSCAR LOMBA ÁLVAREZ *

FONTE: web Óscar Lomba

Hoxe, 14 de abril de 2017, cúmprense 86 anos da proclamación da IIª República Española. Durante tres anos, a nova República, presidida por Alcalá Zamora e con Azaña como xefe do goberno, intentou sentar as bases dun Estado democrático en cuxo marco quedarán garantidas as autonomías das comunidades nacionais (Catalunya, Euskadi e Galiza), a separación da Igrexa e o Estado e un amplísimo programa de reformas e, por mor do devandito programa, estableceu por primeira vez na historia un sistema autenticamente democrático en todos os eidos, incluíndo a propia Xefatura do Estado, logrouse o voto feminino, botouse a andar a necesaria reforma agraria, a extensión da educación universal, a laicidade das institucións públicas e a democratización do Exército.

Grandes políticos tomaron parte neste intento por modernizar o Estado español. Intelectuais como Salvador de Madariaga, Novoa Santos, Rodríguez Cadarso, Otero Pedrayo, Daniel Castelao…van desempeñar un papel relevante nas Cortes republicanas. Tamén hai que salientar políticos como Julián Besteiro, Indalecio Prieto, Francisco Largo Caballero, Juan Negrín, Francesc Maciá, Lluis Compañys, Federica Montseny, Dolores Ibárruri “Pasionaria”… Outras figuras, como Casares Quiroga, Portela Valladares, Barcia Trelles ou González López alcanzarán, tamén, gran protagonismo nos gobernos republicanos. Asemade hai que salientar as figuras de Ramón Suarez Picallo e Alexandre Bóveda.

Unha das grandes novidades que trouxo a República foi a modernización cultural do país sobre todo no que atinxe ao equipamento educativo. Non esquezamos que o 11 de agosto de 1933 comezou a Misión Pedagóxica de Galiza, dirixida por Rafael Dieste; unha viaxe por terras galegas que duraría seis meses e que percorreu a meirande parte das comarcas galegas. Entre 1931 e 1936, o labor deste inxente esforzo educativo chegou a preto de sete mil vilas e aldeas. Moitas das misións, escolas e bibliotecas ambulantes víronse reforzadas cunha masiva dotación de mestres e educadores voluntarios, que formaron unha hoste de propagación do ideario republicano, socialista, anarquista, e galeguista. Ademais, como salienta Ramón Villares na súa Breve Historia de Galicia, “nalgunhas vilas como Noia, Ribadeo ou Vilalba abríronse centros de ensino medio e na Universidade compostelá, unha nova xeración de estudantes, vinculada a FUE e a organizacións galeguistas, alentou a galeguización da universidade”. Pero o dobre acoso a que se viu sometida por determinadas organizacións radicalizadas que pedían reformas revolucionarias e inmediatas, e por determinados sectores inmobilistas, conservadores e mesmo reaccionarios e contrarrevolucionarios (chegando a producirse algún levantamento como o de Sanjurjo en 1932), xunto cun grande anticlericalismo, co que simpatizaba un importante sector da sociedade española, e a lentitude de determinadas reformas sociais, dificultou a consolidación do réxime republicano e, nas eleccións de novembro de 1933, os partidos de centro dereita (nucleados ao redor da C.E.D.A) obtiveron unha rotunda maioría. A viraxe cara á dereita que deu o novo goberno durante aquel bienio negro, coa anulación de moitas medidas da etapa anterior, provocou sublevacións en Asturias e Catalunya (outubro de 1934), cuxa represión veu representar o primeiro acto do xigantesco drama que se iniciaría o 18 de xullo de 1936. Os sectores máis reaccionarios non aceptaron o rumbo que tomaba o Estado español e tampouco as reformas que pretendían acabar con determinados prerrogativas dos devanditos sectores privilexiados. As capas adiñeiradas e privilexiadas da sociedade puxeron todo o seu empeño para facer fracasar a República e terminaron impulsando e apoiando unha insurrección militar que provocou unha sanguenta guerra civil, e que acabou nunha terríbel ditadura que durou 40 anos. Antes da morte do ditador comezouse a xestar a Transición e bosquexouse un sistema parlamentario que en virtude da Lei de Sucesión na Xefatura do Estado do 26 de xullo de 1947, proporía a Juan Carlos como sucesor de Franco a título de rei, proposta ratificada polas Cortes Españolas en xullo de 1969, perante as que o novo príncipe prestaría xuramento de gardar e facer gardar as Leis Fundamentais do Reino e os principios do Movemento Nacional, é dicer, o ideario franquista. Xa que logo, non houbo ruptura democrática e por iso existiu certa continuidade entre o aparato da ditadura e a monarquía parlamentaria que a sucedeu. Por iso aqueles que seguimos crendo nos ideais republicanos non podemos renunciar á nosa aspiración de ver nacer en Galiza e no conxunto do Estado español un novo proceso constituínte que conduza á instauración dunha IIIª República, que abra a posibilidade da autodeterminación de Galiza e, se fose posíbel, dunha Confederación de Repúblicas (incluíndo a Portugal).

O 14 de abril é un bo día para pendurar, das varandas dos nosos balcóns, unha bandeira tricolor xunto á bandeira galega; para cantar o Himno Galego e o Himno del Riego e para participar nalgunha das manifestacións que teñen lugar nas principais cidades e vilas de Galiza nas que podemos escoitar e berrar: Viva a República! Viva Galiza Ceibe e Republicana!

* Óscar Lomba é licenciado en dereito e membro da corrente A FORZA DA XENTE

Xeometría Europea

Bloque colores

 Xurxo Rodriguez Pérez *

FONTE: Distopías 18

Europa, subcontinente euro-asiático, limita ao oeste co océano Atlántico. Esta afirmación simple e coñecida de todos é algo máis. Un aserto que, extraído da xeografía física, devido axioma de Ciencia Política por mor da Xeopolítica, serve de vimbio a algún teorema consistente de constrición ou límite ás relacións interestatais ou supra-estatais interiores á UE, en orde á súa proxección ao outro límite, o oriental. En devandito flanco do subcontinente, un macroestado plenamente euro-asiático, Rusia, e de proxección global, con saída a augas europeas e ao océano Pacífico. Na actual xeometría restrinxida da UE, un eixo precario, Berlín-París e un planeta de órbita excéntrica, Londres, con respecto ao eixo citado, gravitando a pulsión trastlántica. Como realiñar os distintos eixos?. Como conxugar alianza euro-atlántica con arquitectura comunitaria europea?. Como relacionarse coas potencias medias da Ribeira Sur das augas meridionais europeas e máis concretamente coa outra potencia media, plenamente euroasiatica, Turquía?. Unha entente con Moscú de todos estes vectores sería a plenitude dun Teorema de Seguridade incluínte, o colmatado de baleiros, ou enchido de intersticios en xeometrías adxacentes. En caso contrario, unha epifanía resucitada de especie de Guerra Fría, parece saír ao camiño. A implosión da UE traería a súa causa máis de xeometrías non resoltas, aínda de cosmovisións raquíticas e amputadas ou segregadas da totalidade euroasiática e de tomar a parte polo todo cando dicimos Europa, pervertindo a xeografía pola política. Europa podería darse como o epicentro dun escenario secundario de conflito armado, como foi escenario principal, cando menos dúas veces no século pasado, sen que isto exprese un signo fatídico nas relacións internacionais de cumprimento inexorábel. Os tempos dirán.

* Xurxo Rodriguez Pérez é analista político e membro da corrente A Forza da Xente

Blog de WordPress.com.

Subir ↑