Buscar

aforzadaxenteblog

mes

agosto 2016

Unha Marea insurxente para cambiar Galicia

Manifestación PAH - STPO DESAFIUZAMENTOS

* Lourdes Nuñez

O poder non está sacralizado por leis inmutábeis nin debe ser visto só como unha ferramenta ou medio para o alcance dun obxectivo político ou un fin social. Para A FORZA DA XENTE, a multiplicación social do poder é o propio fin: o alongamento das capacidades e as prácticas de auto-goberno e o fortalecemento da organización popular e autónoma dos sectores sociais subalternos e do conxunto das clases populares, capaces de volver artellar unha nova maioría social sobre novas bases cognitivas e pragmáticas, mediante a súa loita pola emancipación. A iso chamamos, desde A FORZA DA XENTE, poder popular.

A realización dese obxectivo transformador fundamental depende do fortalecemento de suxeitos e procesos que instauren rupturas co carácter alienante e explotador do actual sistema político, cultural e produtivo vixente e constrúan posibilidades reais da súa superación.

De todos os xeitos somos realistas e sabemos que o obxectivo inmediato é apartar a Nuñez Feijoo do poder e construír un goberno alternativo que termine canto antes coas políticas de austeridade, recortes, desemprego, caciquismo e corrupción.

A construción do poder popular esixe que viremos os ollos cara ás limitacións, obstáculos e adversarios aos que nos enfrontamos, así como as estratexias necesarias para desprazalos e suplantalos.

Eses obstáculos e limitacións son de diversa índole. En primeiro lugar, obsérvase que as estruturas sociais, envolvidas en comportamentos reaccionarios, clasistas, racistas, patriarcais e excluíntes producen, de maneira sistemática e entrelazada, explotación e dominación de amplos sectores poboacionais. Así pois, os movementos sociais contra-hexemónicos, por medio dos cales a cidadanía organizada mobilízase para construír modelos alternativos de sociedade, modelos alternativos e solidarios, igualitarios, libertarios e cooperativos, teñen un papel prominente na loita por erguer un verdadeiro poder popular.

En segundo lugar, é necesario ter en conta que o actual Estado español gobernado polo Partido Popular de Rajoy cumpre [xunto á Xunta de Feijoo] o seu papel central e fundamental na reprodución das devanditas estruturas e non por casualidade é un dos grandes violadores dos dereitos humanos, liberdades públicas e culpábel tamén da criminalización da maioría dos movementos sociais, que son sistemáticamente perseguidos cando xorde a resposta cidadá e a manifestación social fronte aos recortes e o retroceso de dereitos e liberdades públicas… Por iso, débese ter en mente que a loita pola radicalización da democracia invariabelmente entra en confrontación coa institucionalización estatal e os seus aparellos de represión violenta e lexitimación simbólica, instrumentalizados polos sistemas de dominación existentes e polos aparellos propagandísticos para a obtención dun sucedáneo do «consenso» maioritario.

A acción directa da cidadanía organizada debe ser valorada, polo tanto, como o mecanismo fundamental para a construción do poder popular, para a construción dunha forma autónoma de relación cidadá alternativa ao modelo xerado por actual capitalismo español. Capitalismo baseado en formas insolidarias de relación. O modelo actual posúe tinguiduras de racismo, machismo, sexismo, egoísmo, cobiza e avaricia.

Por iso desde un movemento de novo tipo, verdadeiramente transformador e que procure a creba democrática debe impulsar outro xeito de activismo que cambie tamén o modelo clásico de organización política. En clara confrontación con ese antigo vangardismo elitista de cadros ilustrados que pensan e bases que só saben pegar carteis e levantar a man para votar.

Non queremos ser inscritos que só serven para adornar asembleas e encher mitins.

Dende A FORZA DA XENTE queremos un novo xeito de activismo militante, baseado na acción directa que non significa só, con todo, desobediencia civil e insurrección popular; tamén abrangue diversas outras situacións e xeitos de actuación mediante as cales colectivos e movementos de base desenvolven e fortalecen os seus propios medios de sociabilidade, organización política, produción cultural e económica, con autonomía fronte ao Estado e aos grupos dominantes contra os cales loitan, pero sen ser simples peóns ao servizo dos membros dunha dirección orgánica ou dun consello cidadán.

Doutra banda, desde A FORZA DA XENTE, algunhas opinamos que non se pode ignorar que a institucionalidade estatal está dotada de fracturas internas: existen certas aperturas á participación social (aínda que de forma desigual e irregularmente constatábeis), así como que é posíbel presionar a determinados poderes estatais ou para-estatais para alcanzar algúns “obxectivos” ou para implementar determinadas “medidas”, aínda que resulten simplemente obxectivos ou medidas unicamente paliativas.

Deste xeito para alcanzar unhas mínimas conquistas sociais ou para ditar unas poucas normas lexislativas que favorezan á maioría social, temos que obter unha representación importante nas institucións en xeral e no parlamento de Galicia en particular. É a única garantía para poder desenvolver unhas políticas públicas que eventualmente poidan contribuír ao fortalecemento posterior dun verdadeiro poder popular. Temos que saber disputar, de xeito intelixente, as contradicións do Estado, de diversos xeitos e sempre de acordo coa conxuntura de cada momento, e iso sen deixar de desenvolver un intenso combate nas diversas loitas populares.

Porén, sería un erro sobrestimar a apertura procedimental da institucionalidade estatal, que aínda é pequena para as amplas masas populares, ademais de bastante limitada nos efectos concretos que xera. A necesaria unha democratización radical da sociedade, da produción do poder político, non pode ser feita exclusivamente ou prioritariamente, polo tanto, “por dentro” ou “desde dentro” das propias institucións. Sería de «ilusas» pensar iso. Non basta ensanchar a participación popular e a penetración nas estruturas do Estado, aínda que iso tamén sexa importante.

O fundamental, insisto, é a construción de poder dos e cos suxeitos colectivos que se organizan desde baixo, na súa praxe creadora e estimuladora de novas comprensións, mecanismos, prácticas e culturas políticas. A disputa da «institucionalidade» ou do «poder institucional» estatal non debe ser logrado como un fin en si mesmo nin como un obxectivo estratéxico prioritario, aínda que sexa moi importante. Opino que salvo o poder real todo é ilusión e por iso hai que vincular un modo de acción colectiva organicamente aliñada e subordinada ao fortalecemento dese bloque de loitas populares que xere un pensamento e unha decisión agregada e ao mesmo tempo unha reconstrución das institucións que supoña o progresivo desmontaxe do antigo aparello estatal. Ese creo que debe ser o camiño e non resultará nada fácil…

* Lourdes Núñez é diplomada en Relacións Laborais e Licenciada en Socioloxía. Actualmente realiza estudos de doutoramento. É Activista Social, inscrita en PODEMOS e participa na corrente A FORZA DA XENTE

Manifestación PAH

Anuncios

Os Movementos Sociais, a Política Partidaria e a Unidade de Acción.

Oscar Telmo

Por: Adolfo Temo Pérez *

Conformar listas non sempre vén acompañado de comportamentos dignos…

1º Nos debates sobre a “nova política”, non é raro que aparezan referencias aos “movementos sociais”. Unha cuestión antipática, pero tamén crucial, consiste en pescudar se realmente existen, canta xente forma parte deles e que influencia exercen.

Moitas veces idealízase aos MM.SS. (movementos sociais) como algo que non ten os vicios dos partidos, a final de contas a sociedade civil somos esa “gran cousa” que todos desexan, como quen leva uns zapatos novos

Desde o ano 2012 as protestas na rúa descenderon. Moitas veces afírmase que o movemento pendular dos últimos anos depositou todas as esperanzas nas urnas; non podemos deixar de valorar o efecto negativo desa esperanza non totalmente insatisfeita

A PAH (Plataforma de Afectadas/os pola Hipoteca) foi capaz de crebar a versión oficial que nos condenaba á soidade, ao medo e á fatalidade. Unha sociedade deprimida e culpabilizada non se mobiliza, e iso o poder sábeo. Por iso repetíannos todo o día grandes mentiras como que “os galegos [e o conxunto dos habitantes do Estado español] vivimos por riba das nosas posibilidades”, “temos o que merecemos”, “hai políticos corruptos porque neste país xa se sabe que todo o que pode rouba”, ou o clásico “non hai alternativa”. Crear a conciencia da solidariedade e apoio mutuo, de maneira que nunca máis ninguén se senta soa/o, e que xuntos  #SiSePode

Nun recente artigo líamos que os MM.SS.  “Non temos nin media hostia”.  Tal é o desgaste e baixón do conxunto dos MM.SS. e de rebote medrou tamén un sentido patrimonialista de cada organización social, un “narcisismo das pequenas diferenzas”. Unha visión estreita da necesidade da unidade. Visión non entendida como a perda dos perfís específicos e necesarios de cada organización [nos movementos sociais] senón nunha egoísta utilización dos mesmos como correas de transmisión dos intereses partidarios ou ben como demostración do suposto compromiso militante nun determinado campo social de determinada organización ou partido e así como moito dinche “vos apoiádenos” e termina nunha especie de envío mutuo de embaixadores para que “non digan que non fomos” Tal é a concepción que algúns teñen da acción unitaria…

Necesitamos da unidade de acción naquelas cousas que nos unen, deixando a actividade propia, importante e necesaria no plano que lle corresponde. Porén as convocatorias unitarias son cada día mais necesarias, promovendo o respecto mutuo e os acordos previos que deben ser respectados. É bo incorporar certa xenerosidade. Cada día desprezo máis o dogmatismo que resulta absurdo, do mesmo xeito que o exceso narcisista dos egos desmedidos

2º Estes dias unhas ou outras, os uns contra os outros buscan completar as súas listas para primarias

Procurando aquí, alí e acolá …  A varios persoas da PAH suxeríronnos que nos postulemos Descoñezo que dirán pero estou seguro do que queren. Empezarei dicindo que eu non teño pretensións dese tipo e xa manifestei que son un observador, non indiferente, pero só un observador. Veume á memoria unha frase de Pablo Iglesias “Para nós a unidade popular constrúese fundamentalmente coa sociedade civil e imos apostar por incorporar ás nosas listas a xente e a sectores que non son de Podemos”. A función dos MM.SS. non é ter postos en listas, aínda que non digo que non sexa valioso, creo eu deberiades preocuparvos mais polo contido, das vosas propostas xa que iso é contar efectivamente cos MM.SS. levar por exemplo [as cinco propostas de vivenda] #As5DeLaPAH, xa que de non facelo, non ter presente algo tan xusto e tan elemental é algo que non di moito das conviccións do ofertante.

Repetimos que non somos un espazo de recreo. Sabemos moi ben que persoas retuitearon un simple tuit ou un gústame nas redes sociais ou na páxina web da PAH. Non somos de pasar lista, pois decatámonos de que non somos o centro do universo, mais ben somos «pouquiña cousa» e tamén é posible que os tempos non nos deixen estar ao tanto de todo. Pero non consentimos o insulto e ninguneo, ademais se é así porqué tanta chamada ?

Tras o 15 M os partidos e tamén os sindicatos saben que perderon o privilexio exclusivo da acción política e decátanse de que é posible que amplos sectores da sociedade civil se organicen politicamente sen eles; son conscientes de que é necesario comunicar eficazmente sen intermediación mediática e igualmente perciben que é necesario crear contidos de importancia transcendental, A PAH Vigo-Tui e a PAH no seu conxunto á que pertenzo é boa proba diso: a súa capacidade de marcar a axenda e demandas é incuestionable…

A cidadanía non respectará a delegación pasiva, pois a política de cúpulas e sen participación activa da propia cidadanía morreu…

Non somos recheo

As forzas que configuran a actual oposición a Feijoo deberían reducir ao mínimo as diverxencias asociadas ás disputas polo poder interno. Aceitando a lexitimidade e mesmo a normalidade desas confrontacións, pois resulta pertinente constatar a pedagoxía negativa que proxectan fóra das súas fronteiras organizativas.

PD : A función dos MM.SS. non é ter postos en listas, aínda que non digo que non sexa valioso, creo eu que os partidos e os seus dirixentes deberían preocuparse máis polo contido, contar efectivamente cos MM.SS. e levar por exemplo as #As5DeLaPAH, xa que de non facelo, de non ter presente algo tan xusto e tan elemental diría moito das conviccións do ofertante. Por iso parécenos risible ese empeño en poñer activistas da PAH nas listas das organizacións como guinda ou adorno desa candidatura que quizais xa estaba mais que configurada .

Non somos adornos

A realidade deixou un panorama con luces e sombras. Un escenario de avances relevantes e aspiracións incumpridas. Particularmente, produciuse certa frustración dalgúns sectores sociais perante o relativo fracaso das mellores expectativas de ter un papel determinante nun posible Goberno de Progreso.

Pero esa tendencia subxectiva corre o risco de converterse en pasividade ou, o que é peor, desconcerto e pugna interna por eludir «aprendizaxes» e «responsabilidades». O grave sería non adecuarse á nova realidade co redeseño da estratexia de cambio. Así, é conveniente profundar nas características da situación actual e as leccións da última experiencia para conseguir o máximo de unidade no diagnóstico e, sobre todo, conformar unha nova orientación e dinámica política. Trátase dun debate amplo, sereno, unitario e construtivo para adecuar, xunto co resto do tecido asociativo, movementos veciñais, sociais e xente progresista, o gran proxecto colectivo de cambio.

Fronte á resignación e o fatalismo seguen vixentes a indignación e a aposta transformadora do SI SE PODE. Sen os MM.SS, Sen #Las5DeLaPAH o cambio non será posible.

*Adolfo Telmo Pérez é médico e activista da PAH – Stop Desafiuzamentos.

Gramsci e esquerda galega hoxe

Gramsci

Por Alberte Cid Garcia *

A partir dos anos 70 e 80 Gramsci pasou a ser unha referencia importante para moitos militantes da esquerda galega, xa que [o pensamento gramsciano] propagouse rápido entre diversos autores e intelectuais conectados a diversas formacións da esquerda. Gramsci tivo influencia na construción da esquerda no noso país, porque xustificaba, delineaba e aportaba elementos de reflexión para unha esquerda que intentaba facer unha política de fronte democrática contra a ditadura franquista. Opino que debemos resaltar que a análise de clase é o motor fundamental dos cambios sociais, criterio chave do marxismo e do propio Gramsci.
Gramsci exerceu e segue despregando unha gran influencia en Galicia. Na nosa terra existen algunhas boas traducións ao galego dalgunhas das súas obras como as traducións de Xesús González Gómez de «Escritos de Mocidade» ou de «Os intelectuais e a organización da cultura» en Laiovento.
Despois, a partir dos anos 80 e 90, converteuse nun autor importante, propagado en Galicia, en xeral, por intelectuais ligados a diversas organizacións da esquerda galega e entre xentes do mundo intelectual. Algúns social-liberais e persoas da esquerda radical tamén interpretaron as obras de Gramsci, de xeito diferente. Gramsci foi importante na construción da esquerda, porque razoaba, perfilaba e aportaba elementos de reflexión diferentes aos típicos clixés sectarios que sempre manexaron determinados sectores da esquerda. Os «elementos gramscianos» serviron de armazón para fundamentar e impulsar unha política de fronte democrática contra o réxime franquista e serviron tamén para esbozar unha axeitada estratexia para levar adiante unha revolución en Occidente.
Varias categorías de Gramsci e unha interpretación nesgada da súa obra, que deu orixe a estratexia eurocomunista, foron usadas en Galicia por un sector da esquerda que empezaba a desenvolver a súa acción política durante a transición. Nalgúns casos opino que se perverteu ou mal interpretou o pensamento gramsciano. Entón, determinadas ideas do intelectual italiano, como a «guerra de posición», admitían outra forma de entender a loita política institucional, pero tamén a loita de masas, ou o xeito de entender as reivindicacións democráticas. Ese foi o Gramsci importante para a reconstrución dunha esquerda galega alternativa. Todos eses pensamentos influenciaron as reformulacións do vello comunismo e despois propagáronse entre algúns sectores do soberanismo, que tiñan moitos elementos en contradición coa «vella esquerda comunista». Pero Gramsci foi particularmente influente nos dous casos, porque, en ambos os dous, a atención á loita democrática, institucional e electoral, era importante.
Gramsci como elemento de dirección política, como medula definidora de estratexias, é moi orixinal. A influencia de Antonio Gramsci na esquerda galega, con todo é menor do que sería de esperar. Porén é evidente que exerceu certa influencia en determinados sectores da esquerda democrática, da esquerda que considera a democracia un valor universal, por riba de certos avatares históricos. É aí que Gramsci sobrevive como unha poderosa influencia intelectual. Primeiro porque o marxismo ausentouse durante moitas anos do escenario intelectual académico, ou sexa, o marxismo foi fortemente contestado, abandonado e mesmo mal interpretado. O desprestixio das ideas marxistas afectou moito a algúns teóricos comunistas e socialistas latinos. Gramsci, de todos eles, quizais sexa un dos que mellor resistiu, xustamente porque o seu marxismo é complexo e sui xéneris. É un pensamento, ás veces, inintelixíbel e moi recolocado cara á análise de determinadas situacións e procesos políticos. Nese punto, Gramsci exerceu e segue despregando moita influencia e as súas formulacións teñen enorme vitalidade. Supón un sopro de aire fresco sobre o pensamento marxista. Por exemplo, un criterio capital do marxismo e do propio Gramsci é a análise de clase como motor dos cambios sociais.Malia que na socioloxía moderna, dos últimos 20 anos, percíbese un certo abandono da teoría das clases para explicar os cambios sociais, Antonio Gramsci devolveu o papel ás clases sociais na análise sociolóxica. Moitos sociólogos tomaban a teoría das clases como o principal vector que explica o cambio social. Hoxe, a influencia Gramsciana no campo sociolóxico provocou un novo auxe das formulacións de clase na devandita área. Existen teorías que explican partes, de alcance medio, pero non globais. Ese certo desprestixio que afectou a determinadas escolas marxistas, ao funcionalismo, ao estructuralismo,…co paso do tempo e grazas a certas reinterpretacións da obra de A. Gramsci reforzou á loita de clases no seu papel de motor da historia e do cambio social.
Toda aquela influencia de pensadores social-liberais dos anos 80 e todas aquelas estúpidas diatribas reaccionarias do postmodernismo xogaron en contra de teóricos como Gramsci. Porén, iso non quere dicer que non sobrevivan ou existan intelectuais marxistas de primeira categoría, con posicións diverxentes.

Gramsci sempre se resistiu a separar a política da socioloxía, da economía, da cultura. El sempre pensou globalmente. Hoxe, as ciencias sociais están moi fragmentadas e segmentadas. Entón, el revolvíase e atacaba frontalmente todo iso. Malia ser un marxista, e ter concepcións partidarias dunha intelectualidade orgánica e contrarias a calquera tipo de elitismo, el sempre creu que as ciencias sociais tiñan que ser estudadas e que deberían abarcar ao conxunto de actividades polas cales as clases dirixentes non só manteñen como xustifican o seu dominio e intentan obter o consentimento pasivo (ou consenso) dos gobernados. Para el, o problema político central era superar a división entre gobernantes e gobernados, é dicer, transformar os gobernados, que constitúen a clase subalterna, en capaces de ser gobernantes. Por iso, el cría que non bastaba vencer; era necesario convencer. Era posíbel que un grupo político, aínda sen estar no poder, se transformase nunha clase dirixente da sociedade, desde que soubese transformar os seus intereses en intereses universais desta sociedade. Por ese camiño, Gramsci acuñou a razón da hexemonía, que é fundamental para as ciencias políticas. Esa idea de hexemonía, ao meu modo de ver, é a principal contribución que el deu ás ciencias sociais.

Do xeito en que eu o estudei durante anos e o que cheguei a entender da súa obra interpreto que Antonio Gramsci poderíanos axudar a pensar en como construír democraticamente unha verdadeira «democracia horizontal e popular», pero tamén nos podería axudar a construír ese «socialismo transformador», no cal el cría. A. Gramsci apostaba por ese camiño democrático e iso ten que ver con dúas cousas [democracia e socialismo] dentro dun mesmo proceso que sempre é dialéctico. Nese sentido, el foi bastante coherente e reforzou a capacidade para entender os aparellos ideolóxicos do Estado e os mecanismos de dominación ideolóxica. Os marxistas debemos estudalo en profundidade. Gramsci mostrounos o camiño para construír unha dirección política que non só venza o adversario de clase, senón que convenza á maioría da sociedade.

* Alberte Cid García é economista. Inscrito en PODEMOS. Membro da Corrente A FORZA DA XENTE

REFLEXIÓNS SOBRE A UNIDADE!

UNIDAD PODEMOS

* TELMO PÉREZ

Parafraseando a Alba Rico confeso que a preocupación polo desastre no que se está a piques de desembocar estas disputas cara ás próximas eleccións autonómicas está a amargarme o mes de agosto. Non estou nin moi metido no allo nin tampouco son moi alleo á cousa. O único que podo facer é expresar como se ve “a Cousa” dende a raia.

Podemos non pode gañar sen Unidade Popular. Cónstame que isto é algo que non se ten moi claro no interior de PODEMOS e semella difícil negar o que é un clamor fóra da organización, a maioría social do electorado indignado desexa a Unidade Popular .

Non serei eu quen defenda o disparate de que como se construíron algunhas MAREAS ou como se desenvolveron os sucesivos episodios de relación entre Podemos e as distintas Mareas. As súas ideas e comportamentos operaron en non poucas veces como lastres …

…Mais non é o moito e bo que teñen, eu creo que a inmensa maioría dos nosos compañeiros de Esquerda Unida, Anova, En Marea, Mareas en Común, Chamamento de Vidan, Foro Galego e outros…

Non debemos desprezar a súa capacidade, honestidade e a súa fortaleza e sabemos que PODEMOS só non pode!. NON só hai que GAÑAR, tamén hai que GOBERNAR; e ninguén vai gobernar por PODEMOS GALICIA. Teñamos en conta que PODEMOS GALICIA carece de tempo para formar aos seus cadros para que asuman en exclusiva as tarefas de goberno.

A responsabilidade de asumir labores de goberno e xestionar pasa por contar cos sectores máis dinámicos e mellor preparados da sociedade civil, dos profesionais mais cualificados da administración pública e tamén de cadros con experiencia política e administrativa … Todas esas tarefas que insisto non poden ser aprazadas e que debemos ter moi presentes antes de dar pasos precipitados. Non improvisemos e actuemos con responsabilidade.

Ninguén demoniza a unidade, a propia palabra xera empatía e ninguén no seu sano xuízo está en contra dela, porén o problema é como se constrúe esa unidade.

Na #AsembleaConstituinte asistimos á definición da fórmula da alianza, como “partido instrumental” que non ten unha definición xurídica clara e sobre a cal non existía un claro consenso nin obxectivamente era unha urxencia ,e está a piques de provocar de rebote un atrincheiramento do que non se pode esperar nada bo. Se seguimos por este camiño podería mesmo chegarse ao caso de que tivésemos dúas opcións electorais enfrontadas, de modo que ‪#‎MareaConstituinte‬ obtería cinco ou dez escanos á conta de que PODEMOS perdese probablemente unha ducia.

Que entendemos por converxencia? Converxencia de quen e para que?

Hai o modelo que se chama “sopa de siglas”, as Alianzas electorais, as Converxencias… e idealmente un modelo moito máis bonito, é o que propugna unha confluencia de movementos e activistas a través de plataformas horizontais, de liderado colectivo e mobilización democrática permanente. Creo que é bo recoñecer que ás veces nos movemos nas imperfeccións. Non vin invitacións á sociedade civil, nin aos movementos sociais (MMSS) a presentar cando menos ,aínda que só fose iso, as súas demandas.

As présas non eran necesarias Faltan moitos e necesitamos a todos e todas!

Lembramos que á primeira reunión da xestora en Compostela que conducirá ata a asemblea constituínte das mareas do 30 de xullo, non acudiron nin EU ,nin Podemos…

Apostemos pola unidade real,pola confluencia!

Podemos na Encrucillada

PODEMOS non aceptará diluír a súa marca e o é por varias razóns:

1º Aínda recoñecendo que PODEMOS perdeu parte do seu atractivo inicial é sen dúbida quen representa mellor os desexo e anhelos de cambio

2º Podemos é quen ten un discurso mais transversal. É quen e capaz de artellar un discurso e unha liña de avance democrático capaz de reelaborar esas demandas e experiencias diversas en clave de maioría social nova, non de sectores repregados sobre si mesmos ou sobre os seus “intereses obxectivos”.

Implica asumir que o cambio require de audacia e de risco. Concretamente, a audacia de non conformarse con que nos apoien persoas que xa están de acordo co que propoñemos, e o risco procurar o apoio de quen aínda non están ou non terminan de confiar en nós

Por todo iso PODEMOS GALICIA debería apostar pola confluencia e se non hai cambios de ultima hora entre os que “xa confluíron” e PODEMOS GALICIA.

Polo tanto eu na consulta interna mais que nunca vexo necesario que gañe ir en “ALIANZA ELECTORAL” e nunha formula que nos permite coa súa ambigüidade asumir calquera tipo de confluencia.

E por mor do exposto #EuVotoConverxencia

* TELMO PÉREZ é médico e activista da PAH-STOP DESAFIUZAMENTOS

NON SON UN ILUSO!

Por:  Óscar Lomba *

NON SON UN ILUSO! (Web)

 

 

Non son un iluso. Sei moi ben as cousas que non vai poder facer –de momento– unha MAREA GALEGA se conseguimos poñer a andar esta criatura. Sei moi ben que será moi difícil gañar unhas eleccións ao Parlamento de Galicia. E no caso de que unha Marea Galega chegase a gobernar a Xunta de Galicia estou convencido de que non vai acabar co capitalismo.

Tampouco vai a nacionalizar os grandes medios de produción, nin vai a confiscar os grandes patrimonios de todos os bancos, nin vai proclamar unha República Galega; quizais intente reformar o Estatuto de Autonomía, convocar canto antes un referendo sobre o dereito do pobo galego a decidir libre e soberanamente o seu futuro, aínda que resultará moi difícil conseguilo.

Imaxino que tampouco vai ser posíbel aprobar unha renda básica de cidadanía para todas as galegas e galegos, nin dobregar ao Estado español nin á troika europea; nin sequera poderemos evitar que algunhas vilas e aldeas sigan despoboadas; nin conseguiremos alcanzar o pleno emprego e dende logo non vai acabar coa cobiza, a avaricia e o egoísmo de moitas galegas e galegos, aínda que poidamos intentalo.

Encantaríame que Galicia chegase a ser un paraíso terreal, porén teño a certeza de que unha MAREA GALEGA non podería tomar medidas tan radicais nestes momentos e sobre todo existindo a actual relación de forzas; porén non vou deixar de traballar con todos os meus folgos e as miñas enerxías para que poidamos contar cun verdadeiro movemento de masas, radicalmente democrático, que artelle unha verdadeira candidatura de unidade popular, unha ferramenta para defender, da mellor maneira posíbel, os intereses da maioría social; aínda que opine que unha Marea Galega non vai facer milagres.

Vou axudar a construír unha Marea Galega e votarei ás súas candidatas e candidatos porque estou convencido de que será a única candidatura de Unidade Popular en Galicia. Vou traballar para que nas próximas eleccións ao Parlamento de Galicia exista unha verdadeira MAREA GALEGA que loite polo radicalismo democrático e o dereito do pobo galego a decidir libremente o seu futuro.

Vou apoiar unha Marea Galega para que axude a restablecer unha verdadeira división de poderes, para que os xornais en galego poidan volver aos quioscos, para que o sistema sanitario e os hospitais galegos poidan seguir en mans públicas e contar coas infraestructuras necesarias, para que a nosa educación sexa pública e de calidade, para que a liberdade sexual e a igualdade de xénero sexan unha realidade.

Vou apoiar unha Marea Galega para que a ninguén o poidan botar da súa vivenda e para que terminen os desafiuzamentos, para que exista estabilidade no emprego e un incremento do gasto público fronte ás reformas laborais, os recortes e a austeridade.

A aposta fundamental para Galicia non é o emprego, a vivenda, a saúde, a educación, a economía, os recursos naturais ou unha morea doutros asuntos, senón a nosa capacidade para construírmos unha organización cidadá, horizontal e unitaria que sexa quen de prover solucións, catapultando a aquelas persoas máis capaces e honestas da clase traballadora e os sectores populares, cara as institucións para que desde alí poidan defender os intereses da maioría social.

O obxectivo  é impulsar a intelixencia colectiva e a unidade de acción. E acho a que única maneira de facelo é construíndo entre todas e todos una ferramenta política ao servizo da xente!. Por iso vou apoiar unha MAREA GALEGA porque é o mellor para Galicia. Vigo, 30 de xullo de 2016.

 

  • ÓSCAR LOMBA é avogado e activista social

DISCURSO de ÓSCAR LOMBA na ASEMBLEA PODEMOS GALICIA

 Por:  ÓSCAR LOMBA *

Discurso de ÓSCAR LOMBA (WEB)

 

Compañeiras e compañeiros. Amigos e amigas,

 

Son galego e resido en Vigo. Unha cidade moi próxima a Portugal e a beira do Océano Atlántico. Nacín no barrio obreiro de Lavadores, aínda que a miña nai é filla de campesiños dunha pequena aldea de Ourense e o meu pai fillo de pescadores asentados na Garda. Galicia, o meu país, dependeu tradicionalmente da agricultura e a pesca, aínda que na actualidade hai máis traballadores no sector secundario e terciario. Destaca a construción naval en Vigo e Ferrol, a industria automobilística en Vigo e a téxtil na Coruña así como a industria relacionada coa manipulación do granito en Porriño e algunhas outras. Galicia intenta rexurdir das súas cinzas neste Mundo Globalizado, aprendendo da dor dos nosos avós e pais que tiveron que emigrar.

A miña historia persoal, é tamén a dun fillo de emigrantes, pois os meus pais marcharon a Venezuela cando eu era cativo. Agora non desexo que os meus veciños e amigos teñan que emigrar. Non me gustaría vivir nunha Galicia sen emprego, sen oportunidades nin futuro. En Galicia goberna Feijoo e o Partido Popular, un partido instalado na corrupción e cuxos dirixentes utilizaron e utilizan as institucións para defender os intereses de determinadas elites dominantes e tamén para enriquecerse eles mesmos, algo polo que non foron suficientemente “castigados” nas últimas eleccións xerais, aínda que vaian perdendo algo de apoio social.

 

Creo que necesitamos cambiar esta situación e para iso debemos realizar esforzos individuais e colectivos para que se produza o resultado político que desexamos, que non se orixinaría doutro xeito. Ese resultado final do que falo sería conquistar o goberno da Xunta de Galicia, pero non a calquera prezo. Non se trata de alcanzar o goberno e logo ser incapaces de transformar a realidade. Non quero que ocorra o que lles sucedeu Touriño e Quintana co goberno bipartito. PODEMOS é unha partido moi distinto a outros. Somos herdeiros do 15 M. A indignación do 15 M expresada nas prazas e rúas de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e tantas outras vilas e aldeas de Galicia non resultou un simple furor de moitas persoas indignadas ante a situación de inxustiza, senón entusiasmo, ímpeto, paixón construtiva, e ía en sentido contrario á segmentación e atomización que nos impón o actual ultra-liberalismo. Aquel movemento 15-M que foi quen de converter a indignación en protesta.

 

O mesmo que encheu as prazas de toda España dun xerme crítico que aos poucos se foi contaxiando en cada recanto da xeografía galega e que hoxe, uns cantos anos despois, deixou unha herdanza que se deixa sentir nas institucións e no pensamento colectivo. Aqueles activistas do 15-M conseguimos comezar a desfacer as cordas que formaban o nó do actual sistema político e do réxime xurdido trala II Restauración Borbónica. Foi a faísca que acendeu a protesta e o cambio político en España e en Galicia. Pero sobre todo, foi o empurrón definitivo para que iso, que agora chaman nova política, conseguise abrirse camiño e deste xeito a politización calou en amplos sectores sociais. Foron moitos os que se decataron de que as súas voces tamén contaban.

 

O 15-M promoveu outras maneiras de participar. Fórmulas alternativas que desde PODEMOS soubemos recrear na nosa construción colectiva. Os círculos de Podemos revolucionaron o modelo organizativo coñecido ata ese momento polos vellos partidos da esquerda clásica. Cambiamos a partida de Xadrez que desde había anos xogaban entre uns poucos aos que etiquetamos como “casta”. O eco daqueles berros do 15 M que pedían máis e mellor democracia déixanse sentir hoxe en día. O 15-M revitalizou unha demanda que parecía ferida de morte. Porque a cidadanía galega quere saber e quere acceder a todo o que se trata desde as cadeiras que gobernan a Xunta. Quen goberna realmente? Quen e por que decide? A onde vai parar o que cada mes pagamos en concepto de impostos? Como funcionan as contas da Xunta de Galicia e o resto de administracións públicas galegas e estatais?…

 

Ademais a corrupción comezou a converterse no veleno do sistema. E unha vez máis a indignación preocupou aos de arriba. «Non hai pan para tanto chourizo» ou «Non nos representan» convertéronse en frases bandeira nas manifestacións que se empezaron a repetir por todas as cidades e vilas de Galicia e o resto do territorio español. Os políticos de traxe e gravata, encorsetados nos seus grises traxes, os representantes públicos apartados da cidadanía, afastados da xente da pé deron paso a outra política. Á xente normal, á que leva camisetas e rastas, á que é como os demais. Iso que tanto se pedíamos nas prazas empeza a calar na sociedade e empeza a ter a súa repercusión e reflexo nas institucións.

En maio de 2015 irromperon no panorama electoral galego, logo dun proceso previo de anos de acumulación de forzas, ducias de candidaturas de confluencia e unidade popular en moitos dos Concellos do noso país. As Mareas municipalistas constituíron un referente para moitas persoas que entendiamos esgotadas as opcións políticas tradicionais como motor do cambio social e supuxeron unha alternativa e un correctivo fronte ás políticas xeradoras de desemprego, desafiuzamentos, austeridade, corrupción e secuestro da democracia por parte do Partido Popular. No éxito electoral das Mareas foi fundamental o desexo de superar anos de parálise, descomposición política e corrupción que se vivía moitos concellos e a conxunción entre a ilusión e o traballo da cidadanía non afiliada a partidos, xente procedente dos movementos sociais e a valentía e xenerosidade dalgunhas forzas políticas, especialmente a nosa, que entenderon o momento histórico e a necesidade de tender pontes, tecer redes e alianzas, empregando ferramentas baseadas na horizontalidade e a democracia radical, ao redor de programas compartidos, que respectaron a diferenza e entenderon a diversidade e a mestizaxe como un valor e non como unha fonte de conflito. O capital político e a ilusión que agromaron nesas eleccións municipais tivo a necesaria continuidade nas eleccións xerais do 20 de decembro de 2015 nas que a coalición En Marea, onde o noso partido PODEMOS, xunto aos nosos aliados ANOVA e ESQUERDA UNIDA conseguimos artellar unha candidatura unitaria que obtivo máis de 400.000 votos abrindo o camiño para vencer ao Partido Popular e terminar co nefasto goberno de Feijoo, ao construírmos un novo suxeito político que actualmente é visto como referente ineludible do cambio en Galicia. Porén, a segunda volta das eleccións xerais do 26 de xuño de 2016, aínda confirmando no esencial as posibilidades da confluencia e a hipótese de En Marea como alternativa real ao PP no noso país, é certo que puxo de manifesto tamén as limitacións. EN MAREA precisa maior participación da cidadanía galega. Ten ser algo moito máis amplo, máis rico e máis diverso que a simple conxunción de tres partidos políticos, necesarios e imprescindibles na configuración da confluencia e da unidade, pero absolutamente insuficientes.

 

Opino que é necesario configurar unha verdadeira alternativa electoral unitaria coa vista posta nas próximas eleccións ao parlamento galego, e por iso temos unha inmensa responsabilidade que non podemos eludir. PODEMOS GALICIA debe estar á altura dos tempos e da ilusión que xeramos. Pero non debemos ser simples peóns ao servizo desa construción colectiva que se pretende impulsar mañá en Vigo. Creo que PODEMOS GALICIA debe participar nesa asemblea que deseñará a Gran Marea Galega, pero estou profundamente preocupado pola forma en que se artelle ese proceso. Non me gusta a composición da xestora nin a fórmula escolleita polos impulsores da Marea Constituínte para artellar esa candidatura unitaria. Opino que se non desexamos ser iguais ás demais organizacións e partidos existentes debemos conseguir que esa futura Marea Galega se basee no radicalismo democrático, na participación activa da xente, na transparencia. A Marea Galega Unitaria debe trasladar o debate á rúa, á opinión pública. Un debate vivo, aberto, flexible, activo e agrupado. A Marea Galega, aínda que chegase a converterse nun partido instrumental, debe constituír un cúmulo de individualidades cuxos elementos unificadores sexan os principios, os intereses colectivos e os obxectivos de acción. Estes elementos deben actuar como unha estrutura que encadee e coordine as individualidades sen absorbelas. Porén PODEMOS debe preservar a súa identidade.

 

A aposta fundamental para Galicia non é o emprego, a vivenda, a saúde, a educación, a economía, os recursos naturais ou unha morea doutros asuntos, senón a nosa capacidade para construírmos unha organización cidadá, horizontal e unitaria que sexa quen de prover solucións, catapultando a aquelas persoas máis capaces e honestas da clase traballadora e os sectores populares, cara as institucións para que desde alí poidan defender os intereses da maioría social. A aposta fundamental debe ser a intelixencia colectiva e a unidade de acción. No caso de que non se consiga unha verdadeira unidade de acción do conxunto de forzas transformadoras, unha auténtica candidatura de unidade popular, estariamos perante un escenario de debilidade e mesmo de posible fractura de PODEMOS. E iso sería un desastre para todas e todos. Sexamos responsables. Participemos activamente na asemblea que se celebrará mañá en Vigo.

 

Da asemblea de hoxe debemos saír máis unidas que nunca. As bases de PODEMOS GALICIA, debemos participar activamente na construción dunha Gran Marea Galega. Porén a nova Marea debe converterse nunha verdadeira candidatura de unidade popular incorporando decididamente á cidadanía da pé e outros actores políticos e sociais que actualmente non están participando na toma de decisións pero que se senten representados e identificados con ese espazo político. Ademais estimo que aínda que se poida aproveitar como base para o debate, o traballo feito durante estes últimos meses por ducias de Mareas ao redor do proceso Mareas en Común, con todo PODEMOS debería aspirar a alcanzar un maior protagonismo e peso tanto nos órganos de decisión desa confluencia como no resto de cuestións nas que non deberiamos tolerar converternos nun simple apéndice máis desa construción. Debemos ser o principal motor desa candidatura unitaria de unidade popular, a locomotora que impulse o proceso e impida a aparición de dinámicas tribais e as guerras internas tan habituais nas organizacións nacionalistas. PODEMOS ten un gran capital humano.

A nosa organización é moi plural e diversa como a propia sociedade galega. O noso cerebro colectivo de activistas, militantes e simpatizantes debe ser quen de pensar a razón coa intelixencia do corazón. Debemos desactivar os focos de tensión/confrontación que están xurdindo nos últimos tempos en PODEMOS GALICIA e poñer todas os nosos folgos e as nosas enerxías en poñer en práctica a filosofía e a metodoloxía xenuína fundacional de PODEMOS. Debemos poñer a organización a traballar como ferramenta no seo da sociedade civil. Espero que as diferentes sensibilidades de PODEMOS, non favorezan unha fragmentación que converta a política futura nunha ‘tribalización’ ou nun mosaico de seitas dentro de PODEMOS. A xente quere que nos poñamos a traballar todas xuntas para defender á cidadanía esmagada e que non perdamos o tempo e malgastemos esforzos en guerras orgánicas interminables. Niso eu non vou participar.

Construamos xuntas PODEMOS GALICIA e axudemos a fortalecer unha verdadeira alternativa unitaria que sexa algo máis que unha alianza deseñada desde diferentes cúpulas partidarias. Participemos nunha Marea Galega verdadeiramente unitaria, democrática e popular.

 

UNIDAS PODEMOS CONTRUIR UNHA GRAN MAREA GALEGA! UNIDAS VENCEREMOS AO PARTIDO POPULAR!

Compostela, 29 de xullo de 2016

 

* ÓSCAR LOMBA é avogado. Activista social e membro da corrente A FORZA DA XENTE

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

Subir ↑