* XURXO RODRIGUEZ PÉREZ


Ten magnetismo todo aquilo que computa en base decimal e no reconto histórico as décadas, que xa Ortega utilizase para a marcaxe xeracional, e xa non digamos o seu múltiplo a centena. De calquera maneira ese redondeo de cifra exacta adoita ter algo de arbitrario ou convención. Así aceptémolo. Xa que logo, máis que de Revolución Rusa habería que falar de revolucións e aínda contrarrevolución ou reacción. Na cadencia ou secuencia podemos citar, sen abandonar o marco temporal do pasado século vinte, a revolución de 1905, co pano de fondo da guerra ruso-xaponesa da que Rusia sairía derrotada.

Neste escenario fan a súa presentación os soviets, que doce anos máis tarde sairían triunfantes na súa segunda cita coa Historia. Un segundo actor comparecente, tremoieiro en ocasións, un pequeno grupúsculo nado en Petrogrado, capital do Imperio, que en 1.898 converteríase no Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia. No seu segundo Congreso, celebrado en 1.903, escíndese entre menxeviques e bolxeviques.

Soviets e Partido Bolxevique xa operantes en 1905, doce anos despois protagonizarán un drama en varios actos que detonarán acontecementos decisivos no pasado século vinte.

O día 3 de Marzo de 1917 comeza a folga nas fábricas Putilov, inicio da Revolución de Febreiro. Establécese unha dualidade de poder, enfrontándose o Soviet de Petrogrado ao Goberno de Aleksander Kerenski. Lenin fai públicas as súas teses de abril. O Soviet de Petrogrado elixe a Trotsky o seu presidente. El será o executor que poña fin á Duma e ao Goberno constitucionalista. Na noite do 6 ao 7 de Novembro os bolxeviques fanse co control de Petrogado, poñendo en fuga a Kerenski.

Mediante decreto o 28 de Xaneiro de 1918 créase o Exército Vermello. O 3 de Marzo Trotsky asina o Tratado de Brest-Litovsk, que pon fin, para o Imperio Ruso, a súa participación na Primeira Guerra Mundial. O 12 de Marzo a capital trasládase a Moscova e o Partido Bolxevique pasa a recibir o nome de Partido Comunista.

A partir de aí tres anos de guerra contra os rusos brancos e a intervención estranxeira, que concluirá coa derrota daqueles en Crimea. Á súa conclusión, Lenin suscita a NEP ou Nova Política Económica, que relaxaría as medidas do denominado comunismo de guerra.

En 1.922 nace a Unión Soviética, dotándose da súa primeira Constitución en 1.924, ano do falecemento de Lenin. Aquí ábrese un amplo tempo histórico, cos seus meandros, fluxos e refluxos, lealdades e traizóns, mortes, prisións e exilios, resultando o paradigma a transhumancia e crime de Trotsky, en agosto de 1.940, en Coyoacán, México. O piolet como símbolo.

A URSS terminará o seu transitar pola Historia en agosto de 1.991, en implosión perpetrada polos herdeiros daquel 1.917. Na súa existencia impúxose a “raison d’Etat” da que chegaría a ser superpotencia. Dirixida despoticamente por unha elite, á que se denominou ´nomenklatura´, tamén ´intelligentsia´, nin a ´perestroika´ nin a ´glasnost´ puideron espertala. Unha economía e política burocratizadas coadxuvaron ao seu fin xunto a unha escalada militar nas relacións internacionais, sintetizado no envite da administración Reagan, denominado proxecto IDE, escudo antimísiles ou guerra das galaxias. Outro grave erro no plano exterior, o avespeiro de Afganistán, onde se meteu en 1.979 , espertou o león durmido dos islamismos, convertendo no seu particular Vietnam este conflito.

Ano 100 evoca un aire promisorio, fundacional, aínda mesiánico e milenarista, dun tempo que en certo xeito anula o tempo. Algo así se pretendía cando a Marx atribuíuselle aquilo de que ata a Revolución Comunista a humanidade viviría na Prehistoria. Chegariamos ao tempo da Parusía. Que cada quen faga o seu xuízo. O meu é un xuízo de intencións e xa que logo benévolo, aínda que con observacións. Serias . Iso si.

* Xurxo Rodriguez Pérez é analista político e forma parte de A FORZA DA XENTE

Resultado de imagen de fotos revolución bolchevique

Anuncios