FONTE: Distopías 18

 

http://distopias18.blogspot.com.es/2017/05/alcalde-susanista.html
Resultado de imagen de caricatura alcalde de vigo

  • Xurxo Rodriguez Pérez *

Pódese dicir que temos en Vigo un fervente alcalde susanista, derrotado nas urnas da súa Agrupación de Partido. Isto, para quen presume de invicto e que invocou o seu apoio á candidata derrotada na súa presunta calidade de ganadora nata non deixa de ser algo máis que un erro de apreciación ou presunción. E así porque unha cousa é gañar eleccións a golpe de orzamento e propaganda e outra moito máis elocuente é que non che queiran en casa, no teu partido. Máxime cando o partido foi feudalizado, clientelizado, capado, purgado, stalinizado, e isto último máis aló da licenza retórica que concede a metáfora. Vigo está gobernado no seu núcleo duro por unha camarilla tránsfuga do PCE carrillista, ex burocracia sindical, con pobres aliños de sal e pementa, esquerdiña garavanceira e pouco máis. Isto contribúe a explicar a escuálida oposición que lle fai a Marea, pois son cachorros da mesma camada. Á fronte da amalgama dirixente, un capitán dos teatriños ambulantes da cachiporra, exercente de cesarismo de opereta bufa. Pero claro, a alquimia da propaganda untuosa torna a ganga en nobre metal de moito quilate. Poderoso Cabaleiro é Don Diñeiro. O caso é que o PSOE vigués se insubordinou con urna e voto secreto e isto si que é unha Moción de Censura. Ao cabo e se lle deixan non lles conto como vai deixar a cidade o Alcalde pero si como vai deixar ao maltreito PSOE cando se retire de escena. O caudillismo de ouropel, o show business da política a cargo do Orzamento deixará no seu momento unha gran resaca, na súa dobre acepción marítima e etílica. Na resaca marítima aparecerán os cadáveres deste tempo, pois o mar é mala sepultura. E disipados os bafos da borracheira verase que todo foi un soño. Vigo, un barco á deriva ou quizais un barco varado nunha rotonda. Morto e momificado, museificado. Ah!, e o importante non é que gañe Pedro Sánchez. Antes de que cante o galo renegaría tres veces da súa esquerdismo cosmético facilmente substituíble, como Pedro se chama.

  • Xurxo Rodriguez Pérez é analista político.
Anuncios