Lomba Álvarez *

FONTE: Web de Óscar Lomba

Coa detención do expresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio González, nunha operación dirixida polo xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco contra a corrupción na xestión da Canle de Isabel II na que foron detidas outras once persoas, o Estado español mergullouse nun pozo negro sen fondo cuxas augas podres están ateigadas de corruptos e corruptores. Porén, a cuestión da corrupción é moito máis profunda. Creo que só unha pequena parte dos casos é descuberta e non todos os corruptos chegan a ser coñecidos pola opinión pública. Imaxino que moitos quedan agochados nas entrañas máis recónditas das cloacas do sistema. A corrupción atinxe a servidores públicos e a cidadáns deshonestos e sempre ten dúas facianas, a dos corruptos e a dos corruptores.

A corrupción política e o mal uso do poder público para conseguir unha vantaxe ilexítima é unha práctica moi estendida. A malversación dos caudais públicos, o uso ilexitimo e oportunista da información privilexiada para o beneficio dunha minoría; o aproveitamento dos aparellos do Estado para favorecer a determinadas empresas amigas e perpetuar a esas elites que parasitan os recursos públicos, ademais dos subornos, o tráfico de influencias, as extorsions, as fraudes, a prevaricación, o caciquismo, o nepotismo, a impunidade, e o despotismo da casta que nos afoga e que se serve dunha trama que intenta perpetuar no poder aos de sempre.

A política española comeza a parecerse demasiado ao período máis escuro da política italiana que desembocou na ‘Tangentopoli’ e cuxa trama de corrupción e subornos involucraba ás máis altas esferas estatais. Porén opino que aquí as cousas poderían mesmo ser peores. E afírmoo ao observar que no Estado español intimídase a xuíces e fiscais, recórtanse dereitos fundamentais e liberdades públicas e atácase implacabelmente a liberdade de expresión, condenando a cadea a unha moza por contar chistes sobre Carrero Blanco en twitter, mentres o Tribunal Supremo condena a César Strawberry a un ano de cárcere por comentarios que son considerados enaltecemento do terrorismo ou a Audiencia Nacional envía a prisión provisional sen fianza a uns titiriteiros que, na súa actuación, mostraban unha mensaxe dentro da trama da función, na cal líase “gora alka ETA” e doutra banda toléranse taxas escandalosas de pobreza e exclusión social que alcanzan case o 30%…

Percibo que existe unha ameaza real aos dereitos fundamentais e liberdades públicas (liberdade de expresión, asociación, reunión…) derivados das reformas lexislativas dos últimos anos no ámbito penal -reforma do Código Penal- e o relativo á mal chamada Lei de seguridade cidadá -Lei Mordaza- que como apuntei antes puxeron en perigo o exercicio de dereitos como o da liberdade de expresión. Por outra banda opino que vimos minguados moitos dereitos económicos, sociais e culturais que tamén están ameazados: coa posta en marcha de normas para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde, o Estado español está limitando o dereito á saúde e isto podería afectar ao dereito á vida dalgúns dos colectivos máis vulnerábeis da sociedade. Tamén a vulneración do dereito á vivenda e a existencia de incontábeis desafiuzamentos. Ademais a LOMCE minguou a posibilidade de acceso á educación a moitos estudantes que non poderán continuar os seus estudos. Igualmente medrou a violencia contra as mulleres. Decenas de mulleres morren cada ano no noso país vítimas da violencia machista.

En resumo, a corrupción e a profundización das políticas de axuste derivaron en recortes da protección social, especialmente nos sistemas de pensións e desemprego; un forte e sostido ataque aos servizos públicos básicos como a educación, a sanidade e os servizos sociais; e unha profunda involución nas institucións laborais como a negociación colectiva, o diálogo social e o papel dos sindicatos. A todo iso hai que sumar, a campaña emprendida contra os dereitos civís e a reforma do código penal para incrementar o poder coercitivo do Estado e facilitar as políticas represivas nun intento de neutralizar a resposta social e sindical aos recortes e á progresiva depauperación dos segmentos máis débiles da sociedade española.

Por todo o exposto é necesario que as forzas do cambio sexamos capaces de autoorganizarnos e prepararnos para pasar a unha fase ofensiva que combine a loita na rúa co combate nas institucións e que sirva para catapultar á sociedade politica (parlamentos, concellos, …) a amplos sectores de militantes e activistas sociais que defendan os intereses da maioría social en todos os foros e organismos nos que sexa posíbel. Ese é o camiño para acabar coa corrupción e recuperar e ampliar os dereitos e liberdades perdidas.

* Óscar Lomba Álvarez é licenciado en dereito e membro da corrente A Forza da Xente

Anuncios