Manifestación PAH - STPO DESAFIUZAMENTOS

* Lourdes Nuñez

O poder non está sacralizado por leis inmutábeis nin debe ser visto só como unha ferramenta ou medio para o alcance dun obxectivo político ou un fin social. Para A FORZA DA XENTE, a multiplicación social do poder é o propio fin: o alongamento das capacidades e as prácticas de auto-goberno e o fortalecemento da organización popular e autónoma dos sectores sociais subalternos e do conxunto das clases populares, capaces de volver artellar unha nova maioría social sobre novas bases cognitivas e pragmáticas, mediante a súa loita pola emancipación. A iso chamamos, desde A FORZA DA XENTE, poder popular.

A realización dese obxectivo transformador fundamental depende do fortalecemento de suxeitos e procesos que instauren rupturas co carácter alienante e explotador do actual sistema político, cultural e produtivo vixente e constrúan posibilidades reais da súa superación.

De todos os xeitos somos realistas e sabemos que o obxectivo inmediato é apartar a Nuñez Feijoo do poder e construír un goberno alternativo que termine canto antes coas políticas de austeridade, recortes, desemprego, caciquismo e corrupción.

A construción do poder popular esixe que viremos os ollos cara ás limitacións, obstáculos e adversarios aos que nos enfrontamos, así como as estratexias necesarias para desprazalos e suplantalos.

Eses obstáculos e limitacións son de diversa índole. En primeiro lugar, obsérvase que as estruturas sociais, envolvidas en comportamentos reaccionarios, clasistas, racistas, patriarcais e excluíntes producen, de maneira sistemática e entrelazada, explotación e dominación de amplos sectores poboacionais. Así pois, os movementos sociais contra-hexemónicos, por medio dos cales a cidadanía organizada mobilízase para construír modelos alternativos de sociedade, modelos alternativos e solidarios, igualitarios, libertarios e cooperativos, teñen un papel prominente na loita por erguer un verdadeiro poder popular.

En segundo lugar, é necesario ter en conta que o actual Estado español gobernado polo Partido Popular de Rajoy cumpre [xunto á Xunta de Feijoo] o seu papel central e fundamental na reprodución das devanditas estruturas e non por casualidade é un dos grandes violadores dos dereitos humanos, liberdades públicas e culpábel tamén da criminalización da maioría dos movementos sociais, que son sistemáticamente perseguidos cando xorde a resposta cidadá e a manifestación social fronte aos recortes e o retroceso de dereitos e liberdades públicas… Por iso, débese ter en mente que a loita pola radicalización da democracia invariabelmente entra en confrontación coa institucionalización estatal e os seus aparellos de represión violenta e lexitimación simbólica, instrumentalizados polos sistemas de dominación existentes e polos aparellos propagandísticos para a obtención dun sucedáneo do «consenso» maioritario.

A acción directa da cidadanía organizada debe ser valorada, polo tanto, como o mecanismo fundamental para a construción do poder popular, para a construción dunha forma autónoma de relación cidadá alternativa ao modelo xerado por actual capitalismo español. Capitalismo baseado en formas insolidarias de relación. O modelo actual posúe tinguiduras de racismo, machismo, sexismo, egoísmo, cobiza e avaricia.

Por iso desde un movemento de novo tipo, verdadeiramente transformador e que procure a creba democrática debe impulsar outro xeito de activismo que cambie tamén o modelo clásico de organización política. En clara confrontación con ese antigo vangardismo elitista de cadros ilustrados que pensan e bases que só saben pegar carteis e levantar a man para votar.

Non queremos ser inscritos que só serven para adornar asembleas e encher mitins.

Dende A FORZA DA XENTE queremos un novo xeito de activismo militante, baseado na acción directa que non significa só, con todo, desobediencia civil e insurrección popular; tamén abrangue diversas outras situacións e xeitos de actuación mediante as cales colectivos e movementos de base desenvolven e fortalecen os seus propios medios de sociabilidade, organización política, produción cultural e económica, con autonomía fronte ao Estado e aos grupos dominantes contra os cales loitan, pero sen ser simples peóns ao servizo dos membros dunha dirección orgánica ou dun consello cidadán.

Doutra banda, desde A FORZA DA XENTE, algunhas opinamos que non se pode ignorar que a institucionalidade estatal está dotada de fracturas internas: existen certas aperturas á participación social (aínda que de forma desigual e irregularmente constatábeis), así como que é posíbel presionar a determinados poderes estatais ou para-estatais para alcanzar algúns “obxectivos” ou para implementar determinadas “medidas”, aínda que resulten simplemente obxectivos ou medidas unicamente paliativas.

Deste xeito para alcanzar unhas mínimas conquistas sociais ou para ditar unas poucas normas lexislativas que favorezan á maioría social, temos que obter unha representación importante nas institucións en xeral e no parlamento de Galicia en particular. É a única garantía para poder desenvolver unhas políticas públicas que eventualmente poidan contribuír ao fortalecemento posterior dun verdadeiro poder popular. Temos que saber disputar, de xeito intelixente, as contradicións do Estado, de diversos xeitos e sempre de acordo coa conxuntura de cada momento, e iso sen deixar de desenvolver un intenso combate nas diversas loitas populares.

Porén, sería un erro sobrestimar a apertura procedimental da institucionalidade estatal, que aínda é pequena para as amplas masas populares, ademais de bastante limitada nos efectos concretos que xera. A necesaria unha democratización radical da sociedade, da produción do poder político, non pode ser feita exclusivamente ou prioritariamente, polo tanto, “por dentro” ou “desde dentro” das propias institucións. Sería de «ilusas» pensar iso. Non basta ensanchar a participación popular e a penetración nas estruturas do Estado, aínda que iso tamén sexa importante.

O fundamental, insisto, é a construción de poder dos e cos suxeitos colectivos que se organizan desde baixo, na súa praxe creadora e estimuladora de novas comprensións, mecanismos, prácticas e culturas políticas. A disputa da «institucionalidade» ou do «poder institucional» estatal non debe ser logrado como un fin en si mesmo nin como un obxectivo estratéxico prioritario, aínda que sexa moi importante. Opino que salvo o poder real todo é ilusión e por iso hai que vincular un modo de acción colectiva organicamente aliñada e subordinada ao fortalecemento dese bloque de loitas populares que xere un pensamento e unha decisión agregada e ao mesmo tempo unha reconstrución das institucións que supoña o progresivo desmontaxe do antigo aparello estatal. Ese creo que debe ser o camiño e non resultará nada fácil…

* Lourdes Núñez é diplomada en Relacións Laborais e Licenciada en Socioloxía. Actualmente realiza estudos de doutoramento. É Activista Social, inscrita en PODEMOS e participa na corrente A FORZA DA XENTE

Manifestación PAH

Anuncios