Gramsci

Por Alberte Cid Garcia *

A partir dos anos 70 e 80 Gramsci pasou a ser unha referencia importante para moitos militantes da esquerda galega, xa que [o pensamento gramsciano] propagouse rápido entre diversos autores e intelectuais conectados a diversas formacións da esquerda. Gramsci tivo influencia na construción da esquerda no noso país, porque xustificaba, delineaba e aportaba elementos de reflexión para unha esquerda que intentaba facer unha política de fronte democrática contra a ditadura franquista. Opino que debemos resaltar que a análise de clase é o motor fundamental dos cambios sociais, criterio chave do marxismo e do propio Gramsci.
Gramsci exerceu e segue despregando unha gran influencia en Galicia. Na nosa terra existen algunhas boas traducións ao galego dalgunhas das súas obras como as traducións de Xesús González Gómez de «Escritos de Mocidade» ou de «Os intelectuais e a organización da cultura» en Laiovento.
Despois, a partir dos anos 80 e 90, converteuse nun autor importante, propagado en Galicia, en xeral, por intelectuais ligados a diversas organizacións da esquerda galega e entre xentes do mundo intelectual. Algúns social-liberais e persoas da esquerda radical tamén interpretaron as obras de Gramsci, de xeito diferente. Gramsci foi importante na construción da esquerda, porque razoaba, perfilaba e aportaba elementos de reflexión diferentes aos típicos clixés sectarios que sempre manexaron determinados sectores da esquerda. Os «elementos gramscianos» serviron de armazón para fundamentar e impulsar unha política de fronte democrática contra o réxime franquista e serviron tamén para esbozar unha axeitada estratexia para levar adiante unha revolución en Occidente.
Varias categorías de Gramsci e unha interpretación nesgada da súa obra, que deu orixe a estratexia eurocomunista, foron usadas en Galicia por un sector da esquerda que empezaba a desenvolver a súa acción política durante a transición. Nalgúns casos opino que se perverteu ou mal interpretou o pensamento gramsciano. Entón, determinadas ideas do intelectual italiano, como a «guerra de posición», admitían outra forma de entender a loita política institucional, pero tamén a loita de masas, ou o xeito de entender as reivindicacións democráticas. Ese foi o Gramsci importante para a reconstrución dunha esquerda galega alternativa. Todos eses pensamentos influenciaron as reformulacións do vello comunismo e despois propagáronse entre algúns sectores do soberanismo, que tiñan moitos elementos en contradición coa «vella esquerda comunista». Pero Gramsci foi particularmente influente nos dous casos, porque, en ambos os dous, a atención á loita democrática, institucional e electoral, era importante.
Gramsci como elemento de dirección política, como medula definidora de estratexias, é moi orixinal. A influencia de Antonio Gramsci na esquerda galega, con todo é menor do que sería de esperar. Porén é evidente que exerceu certa influencia en determinados sectores da esquerda democrática, da esquerda que considera a democracia un valor universal, por riba de certos avatares históricos. É aí que Gramsci sobrevive como unha poderosa influencia intelectual. Primeiro porque o marxismo ausentouse durante moitas anos do escenario intelectual académico, ou sexa, o marxismo foi fortemente contestado, abandonado e mesmo mal interpretado. O desprestixio das ideas marxistas afectou moito a algúns teóricos comunistas e socialistas latinos. Gramsci, de todos eles, quizais sexa un dos que mellor resistiu, xustamente porque o seu marxismo é complexo e sui xéneris. É un pensamento, ás veces, inintelixíbel e moi recolocado cara á análise de determinadas situacións e procesos políticos. Nese punto, Gramsci exerceu e segue despregando moita influencia e as súas formulacións teñen enorme vitalidade. Supón un sopro de aire fresco sobre o pensamento marxista. Por exemplo, un criterio capital do marxismo e do propio Gramsci é a análise de clase como motor dos cambios sociais.Malia que na socioloxía moderna, dos últimos 20 anos, percíbese un certo abandono da teoría das clases para explicar os cambios sociais, Antonio Gramsci devolveu o papel ás clases sociais na análise sociolóxica. Moitos sociólogos tomaban a teoría das clases como o principal vector que explica o cambio social. Hoxe, a influencia Gramsciana no campo sociolóxico provocou un novo auxe das formulacións de clase na devandita área. Existen teorías que explican partes, de alcance medio, pero non globais. Ese certo desprestixio que afectou a determinadas escolas marxistas, ao funcionalismo, ao estructuralismo,…co paso do tempo e grazas a certas reinterpretacións da obra de A. Gramsci reforzou á loita de clases no seu papel de motor da historia e do cambio social.
Toda aquela influencia de pensadores social-liberais dos anos 80 e todas aquelas estúpidas diatribas reaccionarias do postmodernismo xogaron en contra de teóricos como Gramsci. Porén, iso non quere dicer que non sobrevivan ou existan intelectuais marxistas de primeira categoría, con posicións diverxentes.

Gramsci sempre se resistiu a separar a política da socioloxía, da economía, da cultura. El sempre pensou globalmente. Hoxe, as ciencias sociais están moi fragmentadas e segmentadas. Entón, el revolvíase e atacaba frontalmente todo iso. Malia ser un marxista, e ter concepcións partidarias dunha intelectualidade orgánica e contrarias a calquera tipo de elitismo, el sempre creu que as ciencias sociais tiñan que ser estudadas e que deberían abarcar ao conxunto de actividades polas cales as clases dirixentes non só manteñen como xustifican o seu dominio e intentan obter o consentimento pasivo (ou consenso) dos gobernados. Para el, o problema político central era superar a división entre gobernantes e gobernados, é dicer, transformar os gobernados, que constitúen a clase subalterna, en capaces de ser gobernantes. Por iso, el cría que non bastaba vencer; era necesario convencer. Era posíbel que un grupo político, aínda sen estar no poder, se transformase nunha clase dirixente da sociedade, desde que soubese transformar os seus intereses en intereses universais desta sociedade. Por ese camiño, Gramsci acuñou a razón da hexemonía, que é fundamental para as ciencias políticas. Esa idea de hexemonía, ao meu modo de ver, é a principal contribución que el deu ás ciencias sociais.

Do xeito en que eu o estudei durante anos e o que cheguei a entender da súa obra interpreto que Antonio Gramsci poderíanos axudar a pensar en como construír democraticamente unha verdadeira «democracia horizontal e popular», pero tamén nos podería axudar a construír ese «socialismo transformador», no cal el cría. A. Gramsci apostaba por ese camiño democrático e iso ten que ver con dúas cousas [democracia e socialismo] dentro dun mesmo proceso que sempre é dialéctico. Nese sentido, el foi bastante coherente e reforzou a capacidade para entender os aparellos ideolóxicos do Estado e os mecanismos de dominación ideolóxica. Os marxistas debemos estudalo en profundidade. Gramsci mostrounos o camiño para construír unha dirección política que non só venza o adversario de clase, senón que convenza á maioría da sociedade.

* Alberte Cid García é economista. Inscrito en PODEMOS. Membro da Corrente A FORZA DA XENTE

Anuncios